O presente documento foi aprobado na Conferencia de Política Municipal de Anova-IN do 24 de xaneiro de 2015 en Vigo.

Podes baixar o documento en pdf
Preme aquí

O presente documento servirá de base para a II Conferencia Nacional sobre as eleccións municipais do 2015, que Anova-IN celebrará no mes de xaneiro, despois de ser debatido na Coordinadora Nacional do 10 de xaneiro.

Durante os meses anteriores, Anova-IN avanzou unha posición, tanto en organismos de representación como na I Conferencia Nacional sobre as municipais do 2015, na que está sintetizada a nosa defensa da autoorganización popular e a nosa crenza na unidade de acción entres as forzas políticas e sociais para afrontar as vindeiras eleccións municipais.

Anova ve nas próximas eleccións municipais unha oportunidade para abrir un proceso constituínte galego no que o Pobo se configure como suxeito soberano con capacidade para decidir sobre todos os aspectos sen exclusión. Este proceso só será efectivo mediante a loita común pola creba democrática co réxime do 78 e a democracia real nos diferentes pobos e nacións do estado.

Entre as cuestións acordadas previamente sinalamos:

  • ANOVA-IN aposta por apoiar e participar, no ámbito cidadán e coma un actor máis, nas candidaturas populares que se constituíron e se están a conformar ao longo do País. Neste sentido, reafirmamos o noso máximo respecto polos axentes sociais activos que as promoven. A función da militancia de Anova-IN debe ser a de acompañar e colaborar, en termosde radical igualdade coa cidadanía, non dirixir, non suplantar, non cooptar. Para a escolla das candidaturas populares e a elaboración do programa local, defendemos un método baseado no proceso asembleario, participativo e aberto, sen exclusións nin vetos previos.

  • Nos concellos onde non existan candidaturas cidadás, Anova-IN fai un chamamento á conformación de Frontes Amplas e candidaturas de unidade popular por parte das forzas políticas e sociais rupturistas, xunto ao tecido social local organizado e á cidadanía crítica. Para iso debemos ser inclusivos, apostando por dar resposta ás demandas locais duns concellos novos baseados na transparencia, a loita contra a corrupción e a recuperación do público e dos servizos esenciais.

Cómpre pois, tanto na Coordinadora Nacional do día 10 de xaneiro como na vindeira II Conferencia Nacional sobre as municipais do 2015, concretar unha posición definitiva sobre cuestións abertas que suscitaron debate previamente.

  1. Candidaturas de Unidade Popular

Alá onde a cidadanía activa non se organice en candidaturas de unidade popular, Anova terá que decidir respecto ás súas fórmulas de participación electoral. Parece que o máis coherente coa posición de apoio ás candidaturas cidadás e participación nelas é que Anova promova candidaturas abertas de unidade popular nas que participen organizacións políticas e sociais de ruptura e de contestación ao réxime e cidadáns e cidadás que a título individual se sumen ao proceso.

A posición de Anova respecto á totalidade do proceso queda así fixada con coherencia: candidaturas de unidade popular. Independentemente de como cristalicen en cada concello.

  1. Unidade política das candidaturas populares

Anova ten que decidir se aposta por fórmulas para que todas as candidaturas de unidade popular de Galicia poidan concorrer de tal maneira que se identifiquen como partícipes dun mesmo proceso de creba democrática, ben mediante unha mesma marca electoral, ben mediante outras fórmulas que poidan manter as especificidades de cada concello sen afectar á necesaria unidade política do proceso.

  1. O espazo AGE como ámbito de unidade popular

AGE foi o primeiro e imprescindible chanzo na construción da Fronte Ampla. Pero non é suficiente. A experiencia AGE é terreo conquistado, polo que debe ser defendida como un avance, pero o proceso de unidade popular deberá configurarse máis alá desta, dándolle un carácter expansivo e aberto a toda a cidadanía, tamén á non organizada. Debe ser a cidadanía quen asuma o protagonismo en todos os espazos.

  1. Eixos programáticos e compromisos éticos

Sen prexuízo, por suposto, de que cada candidatura elabore o seu programa de maneira democrática, participativa e aberta, Anova participará ofrecendo algúns compromisos programáticos claves. A Conferencia Nacional terá que definilos. E irán desde un compromiso democrático con novas formas de acción política (limitación de mandatos, limitación nas percepcións económicas dos cargos públicos, fórmulas de revogabilidade e control dos cargos electos, fórmulas de participación e decisión democrática popular), ata o proxecto de converter os concellos en células principais dunha nova política de normalización, recuperación e expansión da lingua galega, pasando por un proxecto de reordenación territorial (asembleas e xuntas de parroquias, etc.) ou a recuperación do público e dos servizos esenciais…

  1. Formulas xurídicas prioritarias a empregar:

Debemos escoller aquela ou aquelas que, dentro das limitacións que ofrece o sistema electoral vixente, permitan o cumprimento dos obxectivos políticos fixados previamente (a confluencia de partidos e movementos cidadáns con denominacións que permitan respectar a especificidade de cada concello, se fose o caso).

No proceso de debate previo quedou rexeitada por unha ampla maioría a posibilidade de empregar a fórmula de “Agrupación de electores”. Dentro das razóns deste rexeitamento estaba o feito de ser esta unha fórmula xurídica que fomentaba a atomización local da resposta do espazo de ruptura e a súa fragmentación política e nacional. Entendíase, a maiores, que esta opción xurídica non suma votos nin forzas en caso de decidirmos condicionar activamente o funcionamento das Deputacións.

Dentro das opcións que podemos escoller (non son todas excluíntes entre si), entendendo que as casuísticas locais son diversas e que calquera marco que definamos a nível nacional terá carácter orientativo, de cara a establecer unha escolla prioritaria, sinalamos:

  • Legalizar a candidatura municipal en cada concello coa constitución dun partido a nível local, que respecte os principios programáticos mínimos e a metodoloxíaaberta, inclusiva e participativa (por exemplo candidaturas populares de confluencia xa consolidadas).

  • Promover con urxencia unha coalición instrumental a nivel nacional entre as forzas políticas máis próximas co obxectivo de crear unha cobertura versátil e cómoda que permita que xurdan e callen alternativas municipais no ámbito da esquerda alternativa en todos os concellos. A coalición só será identificada por un símbolo e unha referencia común no nome, que poida completarse con distintas fórmulas nos distintos concellos e á que mesmo poidan acollerse, se así o decidisen, as mareas organizadas sen perder a súa identidade. Deste xeito a coalición aporta unha cobertura formal pero non condiciona nin as forzas políticas, nin os movementos ou iniciativas cidadás que en cada concello se acollan a esta fórmula. Trátase de non condicionar ou excluír, senón de sumar. A coalición dotará dunha marca común ás candidaturas, facilitando un soporte xurídico, un programa de mínimos e un código ético. As localidades terán total autonomía para a toma de decisións de escolla de candidaturas e elaboración de programas concretos, respectando o funcionamento de abaixo cara arriba.

A virtualidade desta fórmula concrétase en:

- Que permite unha lectura unitaria no país e unha visión de alternativa política conxunta.

- Que posibilita dar unha batalla polas deputacións, xa que o elemento común no nome da coalición permite sumar os votos con ese obxectivo (xa veremos con que finalidade).

Esta fórmula preferente non é excluínte. Polo tanto, serán aceptables outras fórmulas (agrupación de electores, constitución dun partido local...) naqueles concellos nos que as alternativas de unidade cidadá (nas que Anova está traballando intensamente) opten por estes mecanismos.

- Presentarnos como Anova nos concellos onde non existan candidaturas cidadás nin posibilidade de constituír frontes amplas.

  1. Deputacións Provinciais:

Anova-IN ten amosado a súa radical oposición a estas institucións, tanto polo seu papel central na externalización e desregulación dos servizos municipais coma polo seu déficit democrático. Este rol, incrementado e amplificado coas reformas lexislativas do PP no eido da administración local, condiciona o futuro dos concellos e obriga a Anova-IN a adoptar unha posición sobre as deputacións. Tendo en conta a dificultade de conciliar o concepto de ruptura democrática coa participación nas Deputacións, acórdase:

Participar nas deputacións, tras definir obxectivos claros e xustificar a viabilidade de avanzar na súa desaparición por esta vía. Apostarase, xa que logo, pola confluencia supramunicipal no ámbito das circunscricións propias (partidos xudiciais) entre as iniciativas cidadás e as candidaturas de fronte ampla.

Podes baixar o documento en pdf.
Preme aquí