ANOVA-IN ve nas próximas eleccións municipais unha oportunidade para abrir un proceso constituinte galego no que o Pobo se configure como suxeito soberano para decidir sobre todos os aspectos sen exlusión.

É por iso que, desde a nosa crenza na unidade de acción e na autoorganización popular, estamos a apoiar e participar, no ámbito cidadán e coma un actor máis, nas candidaturas populares que ese conformaron ao longo do país, e a impulsar frontes amplas alí onde non existen iniciativas cidadás.

Toda vez que o proceso de conformación de candidaturas está a avanzar e a consolidarse, desde Anova facemos unha aposta por sumar esforzos para a conformación dunha COALICIÓN INSTRUMENTAL entre todas as candidaturas incardinadas no espazo de ruptura, que permita a configuración dunha alternativa global fronte aos partidos do Réxime respectando as especificidades de cada concello e a autonomía de cada proceso de acumulación de forzas a nível municipal.

A Coalición Instrumental é a fórmula legal que permite a todos os procesos locais participar en pe de igualdade, con independencia da súa configuración interna e do seu ámbito de actuación. Esta fórmula non condiciona  as dinámicas propias de cada concello e permite dar cobertura a totalidade dos mesmos, tecendo unha unidade de acción dentro da pluralidade. Así, despois de crear un partido instrumental no concello para presentarse ás eleccións, este se pode coaligar a nível provincial coas iniciativas do resto de concellos e fórmulas partidarias, a xeito de confederación de candidaturas soberanas. A coalición instrumental permite":

  • Sumar esforzos para dar a batalla polas Deputacións Provinciais, pois todos os votos das candidaturas de unidade popular computarían nunha única candidatura no ámbito dos partidos xudiciais para a elección de deputadas e deputados provinciais. As Deputacións, entes opacos e antidemocráticos, son o niño da corrupción e o clientelismo no noso País, e as súas competencias foron reforzadas pola regresiva reforma da Lei de Bases do Rexime Local promovida polo PP, afectando de maneira especial aos concellos de menos de 20.000 habitantes (o 90% dos concellos de Galiza). O proceso de democratización dos concellos non se pode ver freado ou condicionado por non sermos quen de trasladar a ese ámbito o cambio municipal.
  • Respectar a autonomía de cada proceso municipal. Todas as iniciativas formalizadas como partidos instrumentais poden participar na coalición en pe de igualdade, como un axente máis, participando colectivamente das decisións políticas e do retorno financeiro se o houber. Entrar na coalición non condiciona nin o programa, nin o discurso, nin a candidatura con que en cada concello o proceso municipal decidira concurrir.
  • Respectar a identidade de cada proceso municipal. As iniciativas cidadás poden concurrir co nome elexido por ellas, que será o empregado na propaganda e na campaña de xeito totalmente independente, engadindo unicamente unha marca e símbolo común nas papeletas de votación, que non distorsione o nome da candidatura.
  • Dar amparo a aqueles procesos municipais nos que non fora posibel viabilizar legalmente a tempo a conformación dun partido instrumental de ámbito local. As iniciativas poderían acollerse a esta fórmula sen ningún condicionate engadido.

É por iso que Anova-IN está a desenvolver conversas con toda a diversidade de axentes implicados nos distintos procesos de cara a viabilizar esta fórmula e fai un chamamento á confluencia electoral para rendabilizar os esforzos de cara a transformar as eleccións municipais de maio no punto de arranque da ruptura democrática para cambialo todo.

Galiza, 11 de febreiro de 2015.