Para o portavoz de Anova o proceso enxendrado polas mareas será un éxito se as eleccións locais se entenden como unha especie de primeira volta que continúe co obxectivo posto nas vindeiras eleccións xerais.

Arteixo, 15 de maio de 2015-. O portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista acudiu onte, 15 de maio, a Arteixo para apoiar a candidatura Son de Arteixo-Son Anova, encabezada por Mónica Montero e Juana Santos. Alén doutras cuestións, Beiras centrou a súa intervención en explicar a visión estratéxica de Anova no referente ás eleccións municipais do 24 de maio.

Velaquí a transcrición de parte dos elementos centrais do seu discurso:

O proceso das mareas é fundamental. Levamos xa moito tempo dicindo que o protagonismo debe estar nos cidadáns, nas plataformas de autodefensa como a da sanidade, a da educación, a dos desafiuzamentos, e ata todas as organizacións sociais, como as asociacións de veciños e veciñas, os colectivos culturais, deportivos, ecoloxistas, feministas, as asociacións de montes veciñais…

Os que estamos aínda comprometidos na disciplina das organizacións políticas debemos contribuír a que estas organizacións sexan motores auxiliares dos sectores máis dinámicos da cidadanía, que é quen ten as cousas máis claras. E non erixirnos nós en intérpretes do que queren, do que necesitan, do que pensan e os suplantemos. Non vale iso de que nós somos o partido de vangarda. As vangardas sempre foron vangardas de cidadáns que, no seu caso, construíron ferramentas como os partidos.

Anova, dende que naceu, e iso tíñao moi claro, porque ao fin e ao cabo naceu en 2012 e non en 2011 cando erupcionou o 15M, apostou porque para concorrer a eleccións habería que propor frontes amplas, o máis amplas posíbel. Pero frontes amplas onde os participantes non fosen só forzas políticas que estivesen de acordo nuns cantos piares básicos, senón o tecido asociativo activo dos cidadáns, que é o fundamental. Tivemos unha fortuna relativa. Naceu AGE e tivo un gran éxito. O experimento de AGE demostrou que os cidadáns asisados e sentatos querían unidade, unidade, unidade, e cada vez que se daba o paso cara a unidade estaban aí”.

Anova e as municipais

“Para min, e para nós en Anova en conxunto, estas eleccións municipais teñen dous compoñentes. O primeiro dependerá dos resultados que o día 24 teñan a morea de candidaturas de base cidadá que hai no país. Candidaturas construídas por esa cidadanía exercente como tal tan imprescindíbel, que loita colectivamente por devolver o poder local aos veciños e veciñas. En que medida, polo tanto, este esforzo que se está a facer prende. Iso é moi importante.

Pero o segundo, tan importante como iso, é se efectivamente o proceso que se enxendrou coas mareas, con esas 70 candidaturas que hai, e que poderían ser máis se isto comezase antes e se as forzas políticas non estivésemos a enredar e comezásemos a traballar ao unísono dende o verán pasado; en que medida ese proceso é un proceso de bóla de neve que comeza e que non vai rematar o 24, senón que vai continuar despois. E que entón ese proceso será o que faga reflexionar ás forzas políticas para que despois do 24 digan, acabouse o de andar coidando dos marcos, termando dos marcos, a ver se dunha puñetera vez somos capaces de dialogar, de aprender a lección que nos dan os cidadáns, de dialogar con eles e de organizar a gran vaga de fondo que nas eleccións ás Cortes bote fóra do país –en sentido metafórico dende logo, en sentido político– a toda a borralla de esterco contaminado que está dende a Moncloa ás Cortes e ata todos os concellos –por suposto todos os do PP– nun país como Galiza. E entón si que os problemas empezaran a resolverse.

Estas eleccións só terán a súa auténtica solución en canto ás propostas que se fan, como as das mareas, no momento en que a nivel de Estado se lle dea a volta polo forro a todo, e se recuperen leis derogadas, ou se creen novas leis e se deroguen todas as leis anticonstitucionais, entre outras aquelas que converten os concellos en oficinas terminais de despacho ou consignas mandadas dende o ministerio de Facenda de Madrid, e que polo tanto están collidas polo pescozo.

Esa é a importancia destas eleccións. Hai que mirar non só para o 24, que é por suposto fundamental. Non hai que mirar só para o concello, senón para o conxunto dos concellos. Hai que mirar o panorama que significa este país noso que se chama Galiza con todo o que é a constelación de concellos que existen nela. E hai que ollar evidentemente para o ámbito do Estado, para que isto sexa a antedita bóla de neve e consigamos que, nas próximas eleccións ás Cortes, non só botemos aos inquilinos actuais, senón que mudemos as institucións e evidentemente abramos un proceso constituínte cara unha república dunha puñetera vez, e así acabemos coa España bubónica tamén dunha vez por todas".