Resolución aprobada pola Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista logo das eleccións municipais do 24 de maio de 2015

A conformación de candidaturas populares para as eleccións municipais é un chanzo básico na articulación dunha Fronte Democrática e Popular para a creba democrática e novos procesos constituíntes. O horizonte está nas próximas eleccións xerais. Nelas se albisca se cadra o futuro do réxime; a creba e o proceso constituínte serán posibles na medida en que a esquerda social e política do estado español sexa capaz de trasladar unitariamente ás institucións un programa de ruptura no social que parta do recoñecemento dos pobos galego, catalán e vasco e do seu dereito a decidir. Esa Fronte Democrática e Popular ten que ser expansiva, non excluínte, e acoller a todas aquelas organizacións sociais e políticas que concorden nun programa de mínimos: Autodeterminación, República, Democracia radical e outro modelo social e económico. E tamén a cidadás e cidadáns do común sen adscrición organizativa.”. [II AN de Anova. Extracto da tese política. Outubro de 2014]

As eleccións municipais do pasado 24 de maio constataron que o ciclo político que comezou coa II Restauración Borbónica está nos seus últimos días. A rebelión cívica como motor da emancipación dos individuos, das clases e dos pobos esmagados, demostrada coa proxección da cidadanía exercente cara ás institucións políticas, pode constituír un primeiro chanzo para acadar o obxectivo da creba democrática e a construción colectiva dunha nova orde social que, para Anova, debería ter tres elementos centrais: dereito a decidir, democracia radical e novo modelo económico e social.

Ao noso xeito de ver, os anteditos comicios corroboran que as teses defendidas na constitución de Anova e no posterior chamamento á fronte ampla realizado por Xosé Manuel Beiras o 25 de xullo de 2012, coinciden co camiño común a seguir para enfíar tamén un novo proceso constituínte, cerne do proxecto estratéxico de Anova. Que milleiros de novos actores, con e sen afiliación partidaria, configurasen un novo suxeito, novos faceres, novos protagonismos, novas alianzas e novas ilusións é, xa que logo, enormemente satisfactorio. Así, este ciclo histórico que estamos a vivir é, ao noso xuízo, o remate dunha época e o agromar dunha nova na que o protagonismo debe ser dos pobos e da cidadanía, uns pobos e unha cidadanía dispostos a rematar coa soberanía e a democracia de cartón que hoxe rexe nas diferentes institucións políticas.

Neste contexto, os resultados concretos dos comicios do 24M toman máis importancia dende un ollar cualitativo que cuantitativo. Moi significativo é que as tres maiorías absolutas que ostentaba o PP nas cidades galegas fosen contundentemente contestadas polas mareas que, asemade, tamén adquiren relevancia noutras cidades, vilas e pobos, sendo nalgunhas chave de goberno. Que estruturas plurais saídas destes procesos tiveran excepcionais resultados en cidades como A Coruña e na propia capital do país é toda unha revolución dentro dun panorama político que levaba tres décadas estancado. E é, tamén, unha derrota sen precedentes do malgoberno de Núñez Feijoó.

Anova considera que se os procesos de unidade popular, co evidente e irrenunciábel protagonismo da cidadanía exercente, continúan, podemos estar, como pobo, en disposición de concorrer ás vindeiras eleccións ás Cortes para cambialo todo, por canto é nese campo de acción onde se pode dar unha mudanza a fondo do estreito marco legal. Do contrario, moitos dos esforzos realizados a nivel municipal terán demasiado efectos moi limitados na vida das persoas, pois as leis estatais esganan estas institucións converténdoas en meras consignas ou oficinas de xestión.

Así mesmo, compre salientar o papel político xogado pola sociedade galega en todo o xa longo proceso de desafío ao réxime do 78. Antes ca ninguén, este país xa ensaiou a confluencia e as novas formas de entender a política partidaria, demostrando así que somos un pobo lúcido, audaz e na vangarda política do estado español; este perfil propio é un capital político ao que, baixo ningún concepto, imos renunciar nas vindeiras eleccións xerais.

A unidade popular, a rebelión cívica, a creba democrática e a apertura dun novo proceso constituínte de múltiples dimensións, no que a nosa nación poida decidir, resumen, efectivamente, o proxecto estratéxico polo que pula Anova, mais sempre baixo o prisma de que o motor principal está na cidadanía e que as organizacións políticas deben actuar como motores auxiliares. Corresponde pois a esta cidadanía definir se os procesos continúan e se cómpre artellarse en clave galega cara a obxectivos comúns. Ese é o noso desexo e iso defenderemos de xeito transparente como organización política participante coa súa militancia nestes procesos, pero non é Anova-IN quen ten que marcar nin os tempos nin os roteiros. É a cidadanía consciente no seo da sociedade civil.

É por isto que, dende Anova-IN, non facemos lecturas de parte, porque non terían sentido, pois decidimos cooperar e contribuír na medida das nosas posibilidades coa nosa bagaxe militante, as nosas posicións ideolóxicas e políticas, as capacidades analíticas e propositivas do noso cerebro colectivo e, sobre todo, coa participación en pé de igualdade canda outros suxeitos na configuración dunha alternativa real a todo o que representa o bipartidismo e o réxime do 78.

Dito isto, Anova exhorta á cidadanía activa a que abra un proceso de interlocución entre todos e todas para catapultar toda esa forza expresada nas municipais no combate nunhas eleccións ás Cortes que abran un novo proceso constituínte.

Xa para rematar, alén de parabenizar dende Anova a todas as opcións de unidade popular que obtiveron representación nas corporacións municipais, é importante que sexamos conscientes de que a tarefa urxente agora é deixalas traballar sen interferencias para que poidan pór os concellos ao servizo dos veciños e veciñas do país. Os novos gobernos teñen unha gran responsabilidade na que virtudes como a cooperación, a humildade, a xenerosidade, a dedicación e a primacía do ben común serán fundamentais. Sen iso por diante, nada terá sentido.

Seguimos camiñando. Dende abaixo e á esquerda sempre.

Teo, 30 de maio de 2015