Anova decide programa e alianzas para as europeas nun proceso participativo.

A primeira fase do debate da militancia de Anova sobre as eleccións europeas consistiu na reunión das asembleas territoriais para debate e realización de achegas sobre o documento programático de Anova para as eleccións europeas.

Como documento de traballo e debate nesta primeira fase achegárase o borrador do documento programático para as eleccións europeas que se pode consultar aquí.

Entre finais de decembro e até mediados de xaneiro celebráronse as asembleas territoriais, onde se produciu un rico debate programático e tamén en xeral sobre as alianzas de cara ás eleccións europeas, dando como resultado medio cento de achegas programáticas, que serán agora analizadas pola Coordinadora Nacional, que o día 18 de xaneiro aprobará o documento base a debate para a Conferencia Nacional. A Coordinadora Nacional deste sábado tamén fixará a data desta Conferencia e a militancia poderá de novo aportar achegas ao documento.

Ao tempo, a Coordinadora Nacional ten o encargo de ir achegando ás asembleas a información da que se dispoña sobre o estado dos contactos políticos para a conformación dunha unidade de acción electoral baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte, con forzas políticas e sociais nacionalistas e de esquerda rupturista que recoñezan o dereito de autodeterminación. A Coordinadora Nacional asumira o obxectivo de intentar conseguir unha fronte ampla en Galiza, artellando un suxeito político plural que, unha vez constituído, se coordine de xeito autónomo cos suxeitos políticos das outras nacións do estado.

O proceso culminará cun referendo entre toda a militancia de Anova, que decidirá sobre as alianzas para as eleccións europeas e ratificará, se é o caso, o programa aprobado na Conferencia Nacional.

* As achegas realizadas nas asembleas poden consultarse aquí:

- achegas das asembleas e individuais, ordenadas, da 1 á 55: aquí.

- anexo I

- anexo II

- anexo III