O Pleno Municipal do Concello de Teo vén de aprobar hoxe, 3 de xuño, unha moción para reclamar do Goberno do Estado e do seu Presidente a convocatoria dun plebiscito que abra a porta a un proceso constituínte.

Co voto en contra do PP e a abstención do PSOE, o Pleno que preside o Coordinador Nacional de Anova, Martiño Noriega, acordou, en concreto "reclamar do Goberno do Estado e do seu Presidente a convocatoria e organización dun plebiscito no que os cidadáns e cidadás poidan decidir, nos próximos meses, sobre a forma de organización política do Estado, máis concretamente sobre a monarquía parlamentaria consagrada na Constitución de 1978 de xeito que, se esta é rexeitada, se inicie un proceso constituínte que regule a forma de organización política e territorial, salvagardando o dereito a decidir das persoas e dos pobos.

O texto completo da moción é o que segue:

POLO DEREITO A DECIDIR DAS PERSOAS E DOS POBOS

Moción de urxencia presentada polos concelleiros/as do grupo de goberno municipal de Teo

O 15 de decembro de 1976 celebrábase o chamado referendo sobre a Lei da Reforma Política que, asumindo a monarquía herdada do franquismo coma forma de organización política do goberno e do Estado, establecía un sistema bicameral e abría as portas á redacción dunha nova constitución.

Todos os cidadáns e cidadás que teñen hoxe menos de 59 anos non puideron participar nese proceso, do mesmo xeito que todas as persoas que hoxe teñen menos de 54 anos non puideron participar no referendo que aprobou a Constitución española do ano 1978. É dicir, máis do 69% da poboación hoxe viva non puido votar a Constitución, non puido decidir sobre a forma de Estado que esta consagra. É máis, 3 de cada 4 cidadáns que hoxe teñen menos de 75 anos tiveron que asumir unha forma de organización política do Estado decidida por outros, nun proceso de transición herdado do franquismo e tutelado militarmente.

Queremos decidir, temos dereito a decidir como nos organizamos politicamente, e a abdicación do Xefe do Estado é unha oportunidade única para que os cidadáns e cidadás decidan. Un plebiscito, entendido como a consulta que os poderes públicos someten ao voto popular directo para que aprobe ou rexeite unha determinada proposta sobre soberanía, cidadanía, etc., semella o mecanismo axeitado para que a poboación poida decidir sobre o seu futuro.

Esta consulta vinculante que podería cuestionar o modelo consagrado pola Constitución de 1978, abriría a porta a un proceso constituínte no que a estrutura territorial e o dereito a decidir dos pobos que hoxe conforman o Estado, quedase garantido, posición que nós colectivamente defendemos.

Consecuentemente, proponse ao Pleno municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

Reclamar do Goberno do Estado e do seu Presidente a convocatoria e organización dun plebiscito no que os cidadáns e cidadás poidan decidir, nos próximos meses, sobre a forma de organización política do Estado, máis concretamente sobre a monarquía parlamentaria consagrada na Constitución de 1978 de xeito que, se esta é rexeitada, se inicie un proceso constituínte que regule a forma de organización política e territorial, salvagardando o dereito a decidir das persoas e dos pobos.

Teo, 3 de xuño de 2014