Co obxectivo de achegar a problemática do noso sector gandeiro na procura da solidariedade das persoas consumidoras de leite nas cidades, a eurodeputada Lidia Senra organiza unha xornada informativa en Vigo.

Dende o ano 2008 o mundo é máis urbano que rural, o que é se cadra a mudanza máis significativa da historia da humanidade e a súa relación co planeta. Da orde de de 3.200 millóns de persoas viven en aglomeracións urbanas e non sempre pequenas.

O noso país non é alleo a esa evolución, ou se cadra involución. Segundo o profesor Xoán Doldán, na Galiza case o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas das nosas sete cidades, elevándose a máis do 70 por cento a poboación que poderíamos considerar urbana, aínda que o tamaño medio dos núcleos urbanos galegos non é demasiado elevado.

A meirande parte desta poboación só accede ao leite, un produto de primeira necesidade procedente dun sector estratéxico para o noso país, por medio de grandes cadeas de distribución, hipermercados ou supermercados, que especulan e colaboran na extorsión da nosa gandería utilizando o reclamo das "marcas brancas". Os e as clientes –rexeitamos o termo consumidor/a– mercan estas marcas sen seren conscientes, polo xeral por falta de información, que con iso prexudican o noso rural e un dos nosos sectores produtivos máis importantes, así como o xeito de vivir e a cultura de moita xente. As consecuencias son terríbeis, pois o binomio industria/distribución abusa de xeito dramático de quen produce o leite co que despois especulan, chegando, como dixemos, á extorsión.

Non temos dúbidas de que a maioría destas persoas mudarían o seu hábito na merca de leite se se lles explicase polo miúdo os prexuízos que, por exemplo as marcas brancas, xeran para o país todo, pois ao cabo do ano o aforro producido pola adquisición dese reclamo lácteo é case insignificante. Pola contra, a merca de leite a prezos xustos para os nosos produtores redundaría nunha maior riqueza para o país e nun beneficio para todos e todas.

Dende AGE en Europa e o grupo parlamentar GUE/NGL, coa colaboración de ANOVA-Irmandade Nacionalista, Anova-Vigo e a Marea de Vigo, vemos a necesidade de levar o mundo do leite, da gandería, os seus problemas e as posíbeis solucións ás cidades, porque aí reside o groso do consumo e gran parte da solución para pararlle os pés á industria e a gran distribución. Cómpre que a xente teña información e poida daquela decidir. Emporiso convocamos:

 

 

O leite e a cidade de Vigo

Xornada o sector lácteo dende a cidade: A crise do sector lácteo galego no contexto europeo e internacional

Cando? Mañá, venres 9 de outubro ás 20:00 horas.

Onde? No Auditorio do Colexio Oficial de Arquitectos de VIGO (rúa Doutor Cadaval, 5)

Quen? Intervirán a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra; o deputado de AGE e Coordinador Nacional de Anova, Antón Sánchez; o membro da cooperativa de consumo consciente Árbore, Manolo Garrido e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba. O acto será moderado por Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo e responsábel nacional de Acción feminista de Anova.