O vindeiro martes 24, ás 20h, encontrámonos en Andel para falar por nós, con Lola Ferreiro, Iria Vázquez Silva e Marga L. Barreiro.

Ás portas do vindeiro 25 de Novembro, ser muller continúa a supór unha actividade de alto risco nunha sociedade machista e, aínda máis, nun estado de cousas patriarcal. Porque, segundo a ONU, ata o 70% das mulleres sofren violencia nas súas vidas. Máis alá de fronteiras, culturas e tradicións, as que sostemos a metade do ceo movémonos nunha permanente carreira de obstáculos polo dereito á vida, ao recoñecemento do noso traballo, a sermos persoas donas de nós mesmas.

E a nosa cidade non é unha excepción. Vigo está entre as 15 cidades do Estado con máis delitos por violencia machista. De feito, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, no segundo trimestre do presente superáronse as tres denuncias ao día e, ata o de agora, as vítimas de violencia de xénero en Vigo debuxan a ignominiosa cifra de 315. Non por nada, neste mesmo mes, a xuíza responsábel do Xulgado de Violencia sobre a Muller viuse na obriga de pedir reforzo polo aumento en número e en gravidade dos procedementos. Porén, máis alá das cifras, están os nomes, están elas: Divina Mendes, Silvina de Oliveira, María José Rodrigues... as nosas veciñas que foron asasinadas polo feito de seren mulleres, todas elas no pasado mes de outubro.

Desde Anova Vigo arrepoñémonos perante esta teimuda violación dos dereitos humanos que se exerce sobre as mulleres e queremos colaborar activamente ao derrubamento dalgúns dos tópicos máis comúns, aínda presentes, na nosa sociedade. Para iso, contaremos coas expertas en xénero Lola Ferreiro e Iria Vázquez Silva, que desenvolverán un faladoiro participativo sobre a violencia de xénero en todas as súas dimensións, facendo fincapé nos medios de comunicación como ferramenta fundamental na transmisión de imaxes intereseiramente deformadas das mulleres. A partir dunha conversa entre elas, o público poderá intervir activamente propondo as súas dúbidas, percepcións, sensacións e todo aquilo que nos axude a desenvolver un debate construtivo arredor do que outros din de nós mesmas. O vindeiro martes 24, ás 20h, encontrámonos en Andel para falar por nós.