Anova celebrará a súa Conferencia Política Nacional o vindeiro domingo 10 de Abril no Hotel Riazor cidade d´A Coruña.

Reunida hoxe, día 19 de Marzo de 2016, a Coordinadora Nacional de Anova en Teo e unha vez concluído o proceso de celebración de asambleas locais abertas e deliberativas (Xeiras), foi este avaliado positivamente coma elemento de reforzamento da organización e de conexión coa sociedade. Este proceso culminará definitivamente coa celebración dunha Conferencia Política Nacional que terá lugar o vindeiro domingo 10 de Abril na cidade d´A Coruña, co obxectivo de poñer en común os resultados dos debates dados pola militancia e a cidadanía que participou nas Xeiras para establecer a liña política estratéxica no tocante ao proceso de acumulación de forzas e de confluencia, e coa intención decidida de dar continuidade e vocación de apertura ao proceso de unidade popular que se vén dando no país.

A Conferencia Política centrarase tamén na idea de como afortalar a En Marea coma suxeito político, ademáis de comezar os traballos preparatorios para a elaboración dun programa de goberno para a Xunta de Galicia maila metodoloxía a seguir co fin de incorporar, se é posible, a máis axentes sociais e políticos coa mirada posta en mellorar e ir consolidando a converxencia de cara ao escenario político e electoral.

Onde?

A Conferencia Nacional terá lugar no Hotel Riazor (Av Pedro Barrié de la Maza, 29) na cidade da Coruña.
Coordenadas GPS: 43.3684540 -8.4088430   43 22' 6.43'' N 8 24' 31.88'' W.

Orde do día

10h00. Apertura das acreditacións
10h30 – 13h00. Debate sobre o documento e cuestións xerais
13h00 – 14h00. Debate en grupos de traballo
14h00 – 16h00. Pausa para o xantar
16h00 – 17h00. Continuación do debate nos grupos de traballo
17h00 – 18h30. Debate en plenario das conclusións dos grupos de traballo
19h00. Sesión de clausura.

Grupos de traballo

Conformaranse 4 grupos de traballo aos que será adscrita a militancia de xeito aleatorio. A cada militante se lle indicará o grupo ao que está adscrito no momento de se acreditar. En cada un deses grupos deabtirase sobre catro temas, sobre os que se sacarán conclusións e propostas que despois serán sometidas a consideración do plenario. Os catro temas de debate serán:
1. Programa (metodoloxía de elaboración, áreas, formato, participación dos movementos sociais, etc)
2. Suxeito electoral (fórmula xurídica, axentes, procesos en marea, mareas en común, etc)
3. Participación (órganos territoriais, censo, primarias/mecanismo de confección da candidatura, rendición de contas, órganos de dirección, etc)
4. Anova (mecanismos para a activación da militancia, coordinación da actuación, etc)

Simpatizantes

Na Conferencia poderán participar, con voz pero sen voto, todas as persoas que non estando afiliadas comparten o noso proxecto estratéxico.

Por necesidades loxísticas, pregamos que toda aquela persoa afiliada que convide a alguén o comunique ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. identificándose co seu nome e apelidos e asemblea na que milita e indicando así mesmo nome e apelidos da persoa convidada.

Emendas

As emendas ao documento “Roteiro Anova e En Marea” poden ser formuladas por calquera persoa afiliada e deben de ser enviadas a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. antes das 23h59 do xoves día 7 de abril.O venres día 8 as emendas recibidas serán remitidas ao conxunto da afiliación.