Anova-Irmandade Nacionalista chama á participación masiva na manifestación do vindeiro domingo 14 de abril, ás 12:00 horas, en Carballo.

POR UN AIRE PURO, SEN ARSÉNICO NIN CIANURO. NON Á MINA DE CORCOESTO

O domingo que vén, día 14, está convocada una nova manifestación contra a mina de ouro de Corcoesto en Carballo, un macroproxecto extremadamente lesivo co país galego xa sexa dende un punto de vista ambiental, económico, ético ou social.

Corcoesto é máis cunha loita illada. É o símbolo de quen rexeitamos un modelo extractivo insustentábel, innecesario, especulador e colonialista para o noso país. É o símbolo de quen loitan contra as extraccións de terras raras na Serra do Galiñeiro, de feldespatos na Limia, de wólfram, estaño e litio no Ribeiro e máis ao Sur, de andalucita preto das Fragas do Eume, de losas no Courel, de cuarzo na Terra Chá ou en Ordes... Non é só un problema de Corcoesto. Non é só un problema de Bergantiños. Corcoesto é a punta de lanza dunha inmensa desfeita programada de norte a sur: a veta Malpica-Tui. É a loita de todos e todas nós.

Non se trata, pois, dunha mobilización calquera. É, antes ben, a manifestación central e xa que logo a máis importante de entre as moitas actividades de loita das que estes meses están dando conta os colectivos e persoas que non acreditan nun modelo extractivo e ultracapitalista para Galiza e que están a sacrificar horas da súa vida polo ben común.

En Anova-Irmandade Nacionalista témonos implicado directa e conscientemente nesta loita contra o espolio do noso país. Facémolo porque acreditamos na sociedade civil activa como actor fundamental da mudanza de modelo de sociedade que propugnamos, un modelo antitético ao que o espolio de Corcoesto representa.

É por isto que apelamos á nosa militancia, a todas as persoas que están en sintonía con noso proxecto político e a toda a sociedade galega para que acuda a Carballo a acompañar esta importante loita cidadá.

Por Corcoesto, acudide a Carballo!!

Galiza non é unha mina, é o noso país!! Defendámolo!!

Evento no Facebook