Onte, 17 de maio, Xosé Manuel Beiras acompañou os representantes do Grupo de Lingua de Anova nunha rolda de prensa para presentar o manifesto polo 17 de Maio. A responsable de lingua, Mar Blanco, presentou o traballo realizado polo grupo centrado no contacto con distintas asociacións a prol da lingua e nas actividades de conmemoración de Cantares gallegos, cun acto nas redes sociais e para o vindeiro outono cunha acción pública en Padrón. >> Consulta o manifesto aquí.

O coordinador do grupo de Lingua, Xurxo Martínez, acusou ao goberno de Feijoo de aplicar a política lingüística do "cosmopaletismo". Rexeitou un discurso vitimista e derrotista para chamar á sociedade civil a organizarse no día a día na defensa do galego durante todo o ano, ante a denuncia de desidia por parte da Xunta de Galicia.

Antón Dobao explicou o contido do manifesto onde se reivindican os dereitos lingüísticos dos galegofalantes para poder desenvolver a vida na nosa lingua sen que implique ningún tipo de problema. Dobao dixo que a lingua nos pertence a todos, que está viva nas persoas e que é preciso conquistar os espazos sociais da lingua e os dereitos propios.

Por último, Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova e do Grupo Parlamentario de AGE, ante as preguntas dos xornalistas sobre a posible denuncia xudicial do presidente da Xunta, animou a Feijoo a que efectuase a denuncia. Para Beiras, o presidente da Xunta representa o indigno fronte a nós que representamos a indignación.