Xosé Manuel Beiras propón acampadas para paralizar a mina de Corcoesto e solicita un referendo entre toda a cidadanía sobre o proxecto. "É unha cuestión de supervivencia", dixo, "non é unha broma". Beiras tamén instou ao PP a retirar o documento de inicio do "Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia", que califica Corcoesto como "proxecto industrial estratéxico".

"A minaría non é un sector industrial, senon extractivo dentro do sector primario" - sinalou o voceiro de Alternativa Galega de Esquerda -. "O que contempla o Plan que pretende poñer en marcha o PP é un estudo sobre os problemas que teñen as empresas para desenvolver a actividade de extracción mineira no noso país para lle dar solución e dar carta branca ao que elas queiran facer sen ter en conta o dramático impacto medio ambiental", dixo Antón Sánchez.

Consuelo Martínez sinalou que con este plan que pretende aprobar o PP, o 64 por cento dos concellos galegos estarían afectados pola posibilidade de que lle abrisen unha mina no seu territorio. "Quitarán os montes, extraerán toda a riqueza que a levarán fora do noso país e en Galicia só deixarán terra chá e milleiros de recheos e sustancias contaminantes" denunciou.

O Portavoz Nacional de Anova califica como "aberración" os proxectos mineiros que se pretenden impulsar no noso País e fixo un chamamento a toda a cidadanía a "poñerse en pé de guerra", porque "esta xente, xentuza, quere borrar do mapa a este País, mesmo fisicamente, e convertelo nun buraco". Non chega con que só se manifesten as persoas afectadas directa ou indirectamente: a toda a cidadanía galega nos afecta este proxecto.

Beiras criticou a "barbarie do poder" que ataca á naturaleza e impón a "economía do saqueo" do territorio, convertindo a Galiza en "Katanga".

"Todo encaixa" - dixo o líder de Anova - "para poder desmantelar toda a Terra Cha, hai que acabar coa gandeiría, cos gandeiros e gandeiras, co solo fértil, con todo...".

Anova apoia a manifestación nacional do 2 de xuño en Compostela e fai un chamamento á toda a cidadanía para acudir e rebelarse contra a intención de converter Galiza nunha mina.