Galiza é a Comunidade do estado onde máis descenden as ventas e a ocupación do comercio minorista. Mentres os comercios esmorecen ou pechan, o PP segue favorecendo ás grandes superficies comerciais.

 

Os datos estatíticos publicados hoxe polo INE, relativos á evolución do comercio minorista no último mes (abril de 2013) poñen de manifesto os resultados da política de exterminio do pequeno comercio ao que levan as políticas do PP, tanto a nivel de Estado como de Galiza. Consulta aquí os datos.

No mes de abril do 2013, Galiza é a segunda comunidade do Estado na que máis descendeu a actividade do sector do comercio e a primeira por descenso no nivel de ocupación (emprego do sector). Se temos en conta a media anual deste 2013, Galiza é a primeira en descenso de actividade e ocupación. En consecuencia, Galiza é a comunidade do estado onde máis descende a actividade e o emprego do sector do comercio.

E diante de tal situación estrutural de regresión, esmorecemento e desaparición do pequeno comercio, o PP segue favorendo a implantación e desenvolvemento das grandes superficies comerciais. Anova lembra ao respecto que o PP rexeitou recentemente unha iniciativa do grupo parlamentar de AGE para implantar un tributo propio, de aplicación ás grandes superficies
comerciais e cuxa recadación iría dirixida á posta en marcha dun plan de apoio económico ao pequeno comercio.

A política de desertización económica do PP está a finiquitar ao pequeno comercio, orfo de medidas económico-financieiras e fiscais de apoio.