Nos próximos días 24 e 25 de xuño terá lugar na Audiencia Nacional un xuízo contra catro persoas, cidadás galegas, acusadas sobre a lexislación antiterrorista, da que diferentes organismos internacionais consideraron que vulnera os dereitos humanos.

Denunciamos a excepcionalidade xurídica á que foron sometidas as persoas procesadas, que levan preto dun ano e medio sen xuízo e dispersadas en diferentes cadeas do Estado, contradicindo a propia lexislación sobre materia penitenciaria do Reino de España.

 

 

Segundo dita lexislación, as persoas presas deben permanecer preto do seu domicilio e da súa contorna social. O contrario supón unha medida de castigo sobre as súas amizades e familia, que teñen que desprazarse centos de quilómetros co custo físico e económico que supón.

Durante estes meses non se respectou a presunción de inocencia de catro persoas cidadás galegas que aínda non foron xulgadas. Entendemos que neste país non existe ameaza terrorista de ningún tipo e nese sentido consideramos que se están a vulnerar dereitos recollidos nos propios textos legais do Estado español.