A presión social consegue que a Xunta dea un pequeno paso atrás e paralice o plan, pero o señor Núñez e o seu Goberno non poñen o foco no impacto medioambiental e social da mina. Antón Sánchez: "é preciso garantir o respecto á soberanía popular e non a vender a prezo de saldo a multinacionais coloniais e depredadoras".

A loita popular vén de acadar unha significativa, aínda que parcial, vitoria: a Xunta do PP anunciou a paralización momentánea do proxecto mineiro de Corcoesto. Pero o paso atrás dado polo Goberno do señor Núñez non é abondo. Para o deputado Antón Sánchez, de Alternativa Galega de Esquerda, o combate debe continuar ate "o rexeitamento total" dos planos da multinacional canadiana para o lugar de Cabana de Bergantiños. "Nós esiximos máis información que o comunicado que pendurou onte a Consellaría de Industria na páxina web da Xunta", denuncia Sánchez, "porque , ademais, non pon o foco no verdadeiramente importante, a viabilidade ambiental e social deste país".
O Goberno galego limítase, nun comunicado de prensa difundido onte a última hora da tarde, a explicar que a empresa mineira "debe acreditar as garantías necesarias para asegurar a viabilidade e a solvencia do proxecto". Esta posición resulta total e absolutamente inaceptábel. "Nós pensamos que o que hai que asegurar non é a viabilidade de proxectos mineiros de multinacionais, senón a viabilidade, a solvencia e a sostenibilidade social, medioambiental e laboral do país", considera Antón Sánchez, "en definitiva, é preciso garantir o respecto á soberanía popular e non a vender a prezo de saldo a multinacionais coloniais e depredadoras".
Continuamos "en pé de guerra" contra a mina de Corcoesto e apoiamos que a sociedade civil continúe mobilizándose. Non só contra o proxecto de Corcoesto –"radicalmente inxusto e insostíbel"-, senón contra o terrorífico plan de actividades extractivas do señor Núñez, un auténtico atentado contra o país. "A loita continúa", conclúe Sánchez.