A esixencia de solvencia financieira non é maís que un requisito legal co que lexitimar posteriormente unha autorización xa decidida. Anova precisa a seguir a negativa situación económico-financieira da empresa. As accións de Edgewater baixaron onte un 16,7% na Bolsa de Toronto.

Diante dos comunicados da Xunta e empresa promotora, en relación coas esixencias económicas para o proxecto de Corcoesto, ANOVA precisa o seguinte :

1.- A esixencia de solvencia económica non é mais que unha pantomima fraudulenta por parte da Xunta, en connivencia coa empresa Edgewater-Mineira de Corcoesto, presentando unha aparente suspensión na tramitación do proxecto, cando do que se trata é, unicamente, dunha manobra lexitimadora do mesmo.

2.- Nos comunicados da Xunta de Galicia e de Edgewtaer-Mineira de Corcoesto so se fala de esixencias técnico-económicas, concretándoas unicamente nas garantías económico financeiras que debe de presentar a empresa para garantir a seguridade na execución dos traballos de restauración da zona.


Nada fala o comunicado do verdadeiramente trascendente, que son as garantías ambientais.


Nada fala de paralizar definitivamente a tramitación como proxecto industrial estratéxico, nin de anular a DIA.

ANOVA considera que non hai motivo para as celebracións, senon para estar máis alerta que nunca, xa que consideramos que o señor Nuñez Feijóo segue a ser un firme partidario da megamineiría contaminante e en absoluto deu ningún paso para rexeitar definitivamente o proxecto mineiro de Corcoesto, senón mais ben todo o contrario.

3.- Anova precisa ao respecto que o aval ou garantía financieira para a explotación de Corcoesto é unha esixencia imperativa da Lei 3/2008, de Minería de Galiza (art. 32 *) e que, ademais, unicamente supón unha condición de eficacia da resolución de outorgamento da concesión.

Polo tanto, a Xunta de Galicia pídelle á promotora un requisito que é obrigatorio por lei para, unha vez solventado pola empresa, outorgarlle a autorización, que é o que pretenden Xunta e empresa.

O novo estudo de viabilidade do proxecto tampouco é novidade nengunha, xa que a empresa Edgewater xa o tiña contratado desde marzo deste ano (**), sen que ata o momento se coñeza o seu contido.

4.- En calquera caso, Anova alerta sobre a situación económico-financieira da empresa Edgewater (propietaria do 100% do capital de Mineira de Corcoesto), e que se pon de manifesto no seguinte :

- os fondos propios de Mineira de Corcoesto S.L son de só 868.546,71 €, segundo as últimas contas depositadas no rexistro mercantil (que se adxuntan a esta nota).

- a concesión de préstamos bancarios ao proxecto, anunciados pola empresa, son pasivo esixible, non podendo ser computados como fondos propios a efectos de garantía de solvencia do proxecto , polo cal a sociedade debe ampliar o capital para que os fondos propios cheguen ao 25% do investimento proxectado (o cal obrigaría a pasar dos actuais 868.546,71 € a un mínimo de 27 millóns de euros, o 25% do investimento). Esixencia de capital que contrasta co reducido capital social da propia multinacional Edgewater, que é de só 34,6 millóns de $ canad (equivalentes a 25,5 millóns de euros). En consecuencia, Mineira de Corcoesto deberia acreditar unha solvencia como fondos propios en cuantía superior ao capital social da multinacional Edgewater.

- a evolución e situación económica da empresa é negativa e fortemente regresiva nos últimos tempos, tal e como se evidencia na súa cotización bursátil, onde precisamente onte acadou na bolsa de Toronto o seu valor mínimo (de 0,10 $ canadianos, cun descenso do 16,67% respecto do día anterior). O valor da acción de Edgewater pasou neste ano dos 0,50 $ ao mínimo actual de 0,10$ (cun descenso do 80% desde comezos de ano) (***)

- situación económica negativa da empresa que se pon de manifesto nos seus propios informes económicos (adxúntanse os últimos publicados, correspondentes ao primeiro trimestre do 2013).

- por último, Anova precisa tamén que o prezo do ouro xa se sitúa por baixo do valor mínimo de refererencia que a empresa estimaba para a viabilidade económico-financieira da explotación. En efecto, mentres Edgewater-Mineira de Corcoesto estimaba un valor mínimo de 1.300 $/onza (http://www.edgewaterx.com/Corcoesto_Gold_SP.asp), a cotización do ouro fixouse onte en 1.254 $/onza. Cotización do ouro que é claramente descendente desde fai un ano (****).

(*) Art. 32 da Lei 3/2008, da Mineria de Galiza :

Artigo 32º.-Garantías financeiras.

1. A persoa titular dun dereito mineiro deberá constituír unha garantía suficiente no prazo dun mes, contado desde a notificación do seu outorgamento, e será responsable do seu mantemento nos termos sinalados nos epígrafes seguintes.

2. A contía da garantía corresponderá á suma de dous conceptos, un fixo e outro variable. En todo caso, o seu importe deberá ser actualizado segundo se determine regulamentariamente.

3. A garantía fixa responderá do cumprimento das obrigas de financiamento e da viabilidade dos traballos mineiros. O seu importe será do 4% do orzamento de financiamento, no caso dunha autorización de aproveitamento ou dunha concesión de explotación, e dun 20% para os permisos de exploración ou investigación.

4. A garantía variable responderá do cumprimento do Plan de restauración ambiental, e a súa contía determinarase de acordo cos seguintes criterios:

a) Custo real de todos os traballos de restauración.

b) Área afectada en cada ano de investigación ou de explotación.

c) Calendario e programa de execución.

d) Uso actual e previsto do solo.

O prazo da garantía fixarase en función de criterios técnicos derivados dos traballos mineiros e da execución do plan de restauración.

5. A garantía poderá constituírse por calquera das seguintes formas:

a) Depósito en metálico ou en títulos de emisión pública, constituído na Caixa de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Mediante aval solidario e incondicionado prestado por algún dos bancos, caixas de aforro, cooperativas de crédito ou establecementos financeiros de crédito autorizados para operar en España.

(**)

(***)

Do mesmo xeito : http://www.edgewaterx.com/StockInfo.asp

(****)

Documentos adxuntos:

- Solvencia de Edgewater Exploration.