A esixencia da verdade das causas non pode quedar impedida por mezquiños intereses económicos de ADIF-Renfe

As declaracións dos máximos responsables de ADIF-Renfe evidencian a realidade: nin o tramo Santiago-Ourense é alta velocidade, nin as medidas de seguridade eran as previstas e nin sequera estaban en funcionamento as instaladas

Anova reitera o seu pesar pola traxedia ferroviaria ocorrida o pasado 24 de xullo perto de Santiago, traslada o seu pésame ás familias e amizades das vítimas e desexa unha pronta recuperación ás persoas feridas

Anova esixe que se constitúa unha comisión de investigación no Parlamento de Galiza

 

 

Dende Anova queremos destacar o civismo e dignidade das xentes de Angrois, que socorreron ás vítimas dende o primeiro momento, de todas as traballadoras e traballadores dos servizos que se ocuparon do accidente, dos equipos voluntarios de psicoloxía e psiquiatría, do sector hoteleiro de Compostela e de toda a cidadanía galega que acudiu a doar sangue e se solidarizou coas vítimas. Así mesmo, Anova solidarízase co colectivo ferroviario e lamenta o linchamento público ao que está a ser sometido o maquinista do tren sinistrado, ao que se lle fai responsábel único, exclusivo e excluínte das causas do accidente. O que precisa saber e coñecer a cidadanía galega é cómo un eventual erro humano nun tramo de alta velocidade non puido ser evitado con outras medidas de seguridade, activas e pasivas, que debían estar implantadas e en funcionamento.

Por outra parte, lamentamos a dor que poideran ter causado determinado tratamento da información irrepectuoso coas vítimas do accidente.

Dende Anova reclamamos e esiximos que por parte do Parlamento de Galiza se constitúa unha comisión de investigación que con sosego e rigor trate de esclarecer as múltiples causas do accidente e se determinen as pertinentes responsabilidades.

Particularmente, débese investigar a fondo sobre a adecuación das medidas de seguridade á vía e tipo de tren e sobre o seu funcionamento, así como sobre o estado da sinalización, e a Xunta debe dar explicacións precisas sobre o funcionamento do dispositivo de coordinación de emerxencias e sobre os criterios seguidos para a atención e derivación persoas feridas trasladables a centros sanitarios distintos do CHUS. Investigación que resulta especialmente obrigada non só por respecto coa memoria das vítimas senón tamén aos efectos de prevención de novos accidentes desta natureza.

E a esixencia de coñecemento da verdade das causas do accidente non pode quedar condicionada por simples intereses económicos asociados á industria ferroviaria e a concursos internacionais en trámite. E a cidadanía galega esixe saber qué rede ferroviaria temos e cal é a súa seguridade. Nin máis nin menos.