Fronte á podremia irrefomábel do réxime borbónico, creba democrática e proceso constituínte galego: unha fronte ampla pola democracia real.

Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova, debullou o pasado sábado, 3 de agosto, o balance de fin de curso político da nosa organización política. No marco estatal, a única saída está na aposta por unha "creba democrática" desta segunda restauración borbónica, un proceso protagonizado polos cidadáns e cidadás e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.

Sobre as medidas de seguridade habilitadas a posteriori na vía Ourense-Santiago, Beiras dixo que son unha "Excusatio non petita, accusatio manifesta", que son unha auténtica "autodenuncia" pública dos responsábeis de Renfe e Adif.

Sinalou Beiras que o réxime saído da Transición, a "segunda restauración borbónica", se atopa nunha situación límite e que vivimos un intento por parte dos poderes fácticos –nomeadamente PP-PSOE– por artellar unha solución de continuidade ao réxime. Un dos síntomas do apodrecemento é a corrupción, fenómeno estrutural no Estado español, que vive "un proceso de descomposición" cada vez máis patente, para o cal non hai saída.

No plano político galego, temos un goberno ilexítimo, cun presidente, o "ciudadano-presidente Feijóo", que chegou ao poder facendo trampas –lembremos o financiamento ilegal do PPdeG– e que incumpriu o programa electoral, polo que non está lexitimado para seguir gobernando.

Ante esta situación do marco xurídico-político do Estado, e nun momento de grave regresión social, cómpren "novas alternativas políticas", fai falta unha nova ferramenta para os e as nacionalistas galegas interveñamos e incidamos no proceso de fin de réxime cara a "un novo ciclo político", protagonizado polo activismo da cidadanía.

Esta solución, unha creba democrática co réxime e un proceso constituínte que parta das catro nacións do Estado, é algo no que en Anova andamos a traballar. Hai agora un ano fixemos unha proposta para este tipo de Fronte Ampla non excluínte, que para ese momento e instancia específica foi Alternativa Galega de Esquerda.

No marco estatal, a única saída está na aposta por unha "creba democrática" desta segunda restauración borbónica, un proceso protagonizado polos cidadáns e cidadás e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.

Este proceso daríase en dous niveis:

Na nación galega, un proceso constituínte impulsado pola cidadanía galega, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen selo, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen. Isto xa o estamos practicando dende ANOVA:

* Cando fomentamos unha colaboración da oposición parlamentaria no seu conxunto fronte ao PP de Feijóo.

* Cando estamos atentos a escoitar e representar a cidadanía.

* Cando estamos a falar con organizacións como o BNG para ver de chegar a acordos de unidade de acción con este fin.

No Estado, hai que conxugar nese escenario o proceso aberto para as catro nacións (Galiza, Eukal Herria, os Països Cataláns e España en sentido estrito). Precisamos alianzas coas forzas cívicas e sociais, hai que conectar coa cidadanía e propiciar unha alianza coas forzas políticas rupturistas, para provocar un proceso constituínte (catro en puridade) que pasaría por unhas eleccións non ordinarias, senón eleccións de fin de réxime.

Estamos a ter conversas continuadas e discretas, sen converter estas nun espectáculo, pero son frutíferas e constantes. Temos conversas coa esquerda abertzale: fórmulas electorais como Bildu, Amaiur, e partidos como Sortu e EA. Temos coincidido en foros con ERC ou o POR (partido integrado en EUiA) e con esa expresión nova do independentismo catalán que representan as CUP. Tamén co Bloc Nacionalista Valenciá ou o PSM de Mallorca. E está por ver que pasa en "España" con IU federal. E todo iso en confrontación coas políticas ultraliberais da UE que aplica o Estado español como o protectorado que é de feito.

Sobre o accidente de Angrois.

"Renfe e Adif autodenúncianse ao implantar medidas de seguridade que xa tiñan que existir"

Preguntado polos xornalistas sobre o accidente de Angrois, Beiras comentou que é a actitude da veciñanza consciente, dos e das traballadoras da función pública (tan deostadas por campañas de desprestixio) e do voluntariado a que é exemplo do exercicio dos valores dunha sociedade sa, e non todo o contrario, que é o que practican o goberno e adláteres.

Sobre as medidas de seguridade habilitadas a posteriori, Beiras dixo que son unha "Excusatio non petita, accusatio manifesta", que son unha auténtica "autodenuncia" pública dos responsábeis de Renfe e Adif. "Como se pode criminalizar ao maquinista como se del só dependese a seguridade? E se lle dá unha lipotimia? Non hai nada previsto?"

A culpa é de quen non puxo as medidas de seguridade, Renfe e Adif teñen unha responsabilidade brutal. Ademais dunha fraude, venden un AVE (sen seguridade de AVE) que ao fallar estrepitosamente resulta que non é un AVE. Todo isto é unha tráxica desvergoña! Hai que investigar a fondo todas as responsabilidades das direccións de Renfe e Adif e imputalas de resultas ao que houbese lugar.