Anova denuncia que o anuncio de Mineira de Corcoesto de que as reservas de ouro triplican as anunciadas confirma a insolvencia do proxecto
Antón Sánchez manifesta que "tal anuncio fraudulento vén causado pola necesidade urxente de financiamento e para que cadren as contas no informe final de viabilidade do proxecto"

Edgewater-Mineira de Corcoesto anunciou na súa páxina corporativa o pasado día 6 de agosto un incremento do 203% das reservas estimadas de ouro no proxecto de Corcoesto (ver aquí). Dito incremento supón triplicar as reservas estimadas incluídas no proxecto, pasando de 339.000 onzas (calculadas no estudo do 2011) ás 1.027.000 onzas anunciadas agora.

ANOVA sospeita que a necesidade de financiamento de Mineira de Corcoesto-Edgewater debe ser tan urxente e inmediata que a promotora fai público tal disparatado anuncio, xusto cando precisa aportación de capital externo e cando está en cuestión a viabilidade económico-financeira do proxecto.

Obviamente, tal inaudito anuncio non ten outra finalidade que incluílo no informe de viabilidade económica do proxecto e cuxo resultado debe facerse nos vindeiros meses; informe de viabilidade que tamén vai ser considerado pola Xunta no procedemento de autorización e tamén para atraer financiadores externos que aporten fondos que garantan o proxecto, dada a cativeza dos recursos propios actuais da sociedade. A finalidade de tal anuncio non é outra que a de incluír tales expectativas no informe de viabilidade final do proxecto e presentalo diante da Xunta (para a aprobación definitiva do proxecto) e dos mercados de capitais (para obter un financiamento externo para o proxecto).

Resulta evidente que tal disparatado anuncio de incremento das reservas é para "compensar" o feito do descenso continuado do prezo do ouro (que segue no entorno dos 1.300 $/onza, cando a viabilidade do proxecto estaba fixada en 1.700 $/onza) e dese xeito seguir mantendo a hipotética e cuestionada viabilidade económico-financeira do proxecto. Isto é, diante dun descenso do prezo do ouro, anúncianse agora maiores reservas de ouro para que cadren as contas. Unha fraude manifesta.

Que seriedade ten un proxecto que cando se cuestiona a súa viabilidade económico-financeira anuncia que as reservas de ouro estimadas se triplican agora respecto das anunciadas inicialmente no 2011? - preguntou Antón Sánchez, responsábel de Medio Ambiente de ANOVA.