A imputación penal dos máximos responsables de Adif e Renfe é ineludible, os pactos de silencio, intolerables, o cambiazo no AVE galego, un delito penal

O Auto do Xulgado confirma a evidencia de que se a rede estivera dotada das axeitadas medidas de seguridade o accidente non se tería producido coas consecuencias gravemente danosas para as persoas afectadas.

O Auto do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 3 de Santiago desta data de 20/08/2013, polo que se imputa penalmente os responsables de seguridade de ADIF confirma plenamente o manifestado por Anova o pasado 5 de agosto cando afirmamos a concorrencia de responsabilidade penal dos máximos responsables de ADIF-Renfe, ao constar acreditada a concorrencia de responsabilidade penal derivada das deficientes condicións materias de seguridade no tramo da rede ferroviaria. Anova foi a primeira organización política que esixiu responsabilidade penal a ADIF-Renfe e o Auto do Xulgado confirma a evidencia de que se a rede estiver dotada das axeitadas medidas de seguridade o accidente non se tería producido coas consecuencias gravemente danosas para as persoas afectadas.

Anova dicía daquela que "Tendo recoñecido RENFE e ADIF que o accidente se podería ter evitado se estiveran instaladas as medidas de seguridade esixidas a unha rede de alta velocidade e que algunhas das instaladas non estaban en funcionamento, a responsabilidade penal é evidente" como agora confirma o Xulgado. No Auto do Xulgado menciónase expresamente que "é evidente que as características da vía no lugar onde se produciu o descarrilamento, á entrada de Santiago e en concreto na curva da Grandeira son sumamente comprometidas para a circulación dos trens e que o ben xurídico protexido que se pon en perigo é a vida e integridade das persoas... e ausencia dun sistema de seguridade de freado automático que puidese corrixir oportunamente esa falla (en relación coa condución do operario)....deberíanse ter adoitado outros procedementos que salvasen ou evitasen o resultado daquela predicible equivocación advertindo do perigo e non foi así... (as instalacións de sinalización) amósase insuficiente... Pode concluírse en definitiva, co carácter provisorio desta fase procesal, que existiu unha omisión de cautelas elementais por quen teña a misión de garantir a seguridade da circulación ferroviaria na devandita liña, constitutiva dunha imprudencia punible... a conduta censurada pode incluírse provisioriamente nas infraccións penais graves, é dicir, no ámbito do delito e non da falta".

Os pactos de silencio entre PP e PSOE, evidentes e manifestos nas comparecencias no Congreso dos pasados 8 e 9 de agosto (dos presidentes de ADIF-Renfe e da Ministra de Fomento, onde se recoñeceron expresamente as deficiencias de infraestrutura de seguridade da rede e o cambiazo na rede de alta velocidade de Galiza) non poden nin van quedar impunes. Tanto as vítimas, en primeiro lugar, como o conxunto da cidadanía galega esixen coñecer as causas do accidente e depurar as responsabilidades ás que houber lugar. Causas e responsabilidades que no plano político deben dirimirse na Comisión de Investigación que AGE ten solicitado no Parlamento de Galiza e penais, que deben dilucidarse no proceso penal en marcha, onde debería comparecer o Parlamento de Galiza como máximo representante da soberanía popular deste país.