ANOVA manifesta o seu máis rotundo rexeitamento a esta nova agresión militar á marxe do dereito internacional, ao tempo que esixe o respecto pola lexítima soberanía dos países.

Esta nova agresión militar forma parte da estratexia de dominio polo terror ao servizo dos intereses das multinacionais petroleiras e do complexo militar-industrial norteamericano polo control dos xacementos petrolíferos desa rica rexión xeo-política.

Estamos ante unha repetición da macabra historia que xa coñecemos en Iraq, Afganistán, Libia... e que responde aos mesmos intereses que impiden un estado palestino e que amparan a política agresora inhumana do estado de Israel, ou que provocan o caos nas nacións árabes que tentan estabelecer réximes democráticos ao servizo das súas cidadanías.

As principais vítimas serán as poboacións civís bombardeadas en nome de presuntos valores democráticos que agochan o máis horríbel cinismo dos estados imperialistas. Son os mesmos que agrediron Iraq, seica, para que puidesen votar, ou Afganistán para parar as agresións aos dereitos das mulleres, e xa vemos como andan as cousas anos despois.

Para facer estas intervencións máis críbeis, previamente hai unha campaña de manipulación nas sociedades ditas occidentais para enganar á opinión pública, como acontecera coas tristemente inexistentes armas de "destrución masiva". A verdade é outra das vítimas das guerras, esixamos información veraz.

ANOVA esixe respecto pola legalidade internacional e máis polo rol e polas resolucións da ONU.

ANOVA esixe do Goberno español que no participe nin dea cobertura a ningunha operación militar e que censure esta intervención nos organismos internacionais.

ANOVA chama á cidadanía galega a mobilizarse para manifestar a súa repulsa a esta nova agresión a un pobo e a participar en todas as actividades neste sentido que se producirán e polas que ANOVA aposta decididamente.