"Estas duras condenas debemos encadralas na política reaccionaria de involución a respecto dos dereitos cívicos e democráticos que se ven practicando polos gobernos do estado español, unha auténtica desconstitucionalización.

 

 

Cando o papel do estado deixa de ser velar pola calidade de vida e dos dereitos dos cidadáns e os colectivos das nacións, cando deixa de ser o estado do benestar e se converte nun estado da represión penal asistimos ao espectáculo denigrante e que indigna á cidadanía de ver aos auténticos delincuentes, como un Urdangarín, paseando pola rúa ou a ignominiosa negativa do Partido Popular a criar unha comisión de investigación sobre o acontecido no accidente de Angrois, onde, lembremos, morreron 79 persoas, demostra que estamos nun mundo ao revés.

A reacción da caverna española ante o fin de ciclo demandado pola cidadanía, que acabe cos compromisos podres, e que devolva o poder ao pobo, consiste na represión pura e dura, consiste en negar a evidencia da súa decrepitude ignorando estes movementos de fondo que reclaman unha ruptura democrática, un novo réxime e un proceso constituinte das catro nacións do estado. A este respecto é ben significativo a actitude cerril ante o clamor cidadán en Catalunya no día de onte".