"Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns" - sinalou Xosé Manuel Beiras.

 

Estamos ante unha sentenza absolutamente indecente, que chega despois de once anos dunha catástrofe ambiental de magnitudes inconmensurábeis e a xustiza non atopa responsábeis penais -nin ao parecer de ningún tipo- e como resultado tampouco responsabilidades subsidiarias dunha administración incompetente. Estamos ante unha grave inxustiza cometida pola propia administración de xustiza.

Como dixo ao coñecer esta sentenza o Portavoz Nacional de ANOVA Xosé Manuel Beiras:

"Parece que estamos ante unha catástrofe natural, unha sorte de imponderable desastre no canto dunha irresponsábel actuación dunha administración que como no caso recente do accidente de Angrois busca un chibo expiatorio no maquinista, cousa que neste caso nin sequera posto que exonera a todos os actores da máis mínima responsabilidade.
Lembremos que daquela o vicepresidente Rajoy, hoxe presidente do Goberno Español é o principal responsábel, o famoso "señor de los hilillos" de plastilina, cando sobre as nosas costas ameazaba a máis enorme marea negra da nosa historia.
Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns".

Dende ANOVA entendemos que as forzas políticas e a cidadanía debemos nun xesto de dignidade apoiar o recurso desta sentenza en alzada para impedir que semellante crime quede impune.