Xosé Manuel Beiras, Portavoz Nacional de Anova, anunciou en rolda de prensa no Parlamento de Galiza a dimisión de David Fernández Calviño do seu escano como deputado pola provincia de Ourense. A renuncia á acta de David Fernández Calviño terá efectos a día 30 deste mes de novembro.

Beiras sinalou que adiar esta decisión até hoxe foi unha medida reducida no tempo e provisional para a xestión da situación coa candidata número dous por AGE de Ourense ao manifestar esta a súa negativa de acatar os acordos da coalición e anunciar que asumiría o escano. Esta solución, provisional, era perfectamente legal, mais non sostíbel para toda a lexislatura, dado os principios que defende Anova.

A dimisión, decisión persoal de David, foi tomada de acordo co GP de AGE e coa Permanente de Anova, que xa o pasado sábado 9 de novembro adoptou o seguinte acordo en relación con este asunto:

1. A Permanente de Anova manifesta o absoluto respecto a escolla como decisión persoal, que adopte David Fernández Calviño en relación coa continuidade ou non no escano que ocupa no Parlamento Galego pola Coalición AGE. Decida continuar ou materialice a renuncia, contará con toda a comprensión de ANOVA.

2. A Permanente de ANOVA entende que nas circunstancias deste caso a opción de compatibilizar estes dous traballos que requiren adicación completa non é congruente cunha organización como se define ANOVA.

3. Acórdase dar publicidade ao presente acordo unha vez comunicado ao Portavoz Nacional e ao propio David Calviño do xeito máis favorábel para o seu correcto coñecemento pola militancia de ANOVA e da opinión pública.

Finalmente, dende ANOVA lamentamos, e pedimos desculpas polo que de nós puidera ter dependido, a confusión mediática creada que impediu que a cidadanía tivera coñecemento cabal deste asunto, que puido provocar un deterioro na percepción positiva que a cidadanía ten dunha organización como a nosa que está intentando contribuír á creba democrática.