A Coordinadora Nacional de Anova - Irmandade Nacionalista reunida en Compostela no día de hoxe acordou:

1. ANOVA agradece a David Fernández Calviño a serenidade e lealdade con que aturou a súa situación de vítima dun problema que el non causara, e a súa renuncia, por razóns éticas, ao escano do Parlamento que a legalidade vixente lle permitía compatibilizar.

2. ANOVA declara que a decisión sobre a substitución de David Fernández Calviño correspóndelles aos órganos da coalición AGE, ou sexa, ao Grupo Parlamentar e á Comisión de Coordinación da Coalición da que forman parte as catro organizacións membros (ANOVA, EU, Espazo Ecosocialista e Equo-Galicia).

3. ANOVA entende que existe unha lexislación electoral que entra en conflito coas normas internas acordadas na constitución da coalición AGE.
A legalidade atribúe o escano á persoa membro da lista, mentres as normas internas obrigaríana, neste caso, a renunciar.

4. Carmen Iglesias Sueiro, se non renuncia ao escano, viola os acordos da coalición, dos que era perfectamente coñecedora e asumira.
Mais a legalidade dálle dereito a acceder ao escano, e Anova non vai actuar contra a legalidade.

5. ANOVA exhorta a Carmen Iglesias a reconsiderar a súa actitude, mais, en caso contrario, ANOVA acatará a decisión que sobre a situación así creada adopten os devanditos órganos da coalición AGE.

Santiago a 27 de novembro de 2013