Anova ratifica que a totalidade da afiliación decida sobre as eleccións europeas.

Celebrarase Conferencia Nacional sobre o programa o 2 de febreiro e referendo sobre eventuais alianzas, a fins do mes de febreiro.

A Coordinadora Nacional de Anova aprobou o calendario da Conferencia Nacional que celebrará sobre o programa para as eleccións europeas. Garántese a posibilidade de asistencia e decisión da totalidade de afiliadas e afiliados.

Así mesmo, sobre o documento programático base ao que se incorporaron máis de medio cento de achegas das asembleas territoriais, a Coordinadora Nacional acordou abrir un prazo de emendas sobre as que se pronunciará directamente a afiliación na Conferencia Nacional do 2 de febreiro.

Nunha vindeira Coordinadora Nacional, fixaranse as normas e calendario do referendo sobre o xeito concreto de alianzas para concorrer ás eleccións europeas.