A decisión sobre o xeito de concorrencia de Anova ás europeas será tomada por todas as persoas militantes en referendo.

 

A Coordinadora Nacional de ANOVA vén de aprobar datas e normas para que todas as decisións relativas ás eleccións europeas de maio sexan tomadas por todas e cada unha das persoas militantes. A estes efectos acordouse habilitar un sistema de urnas e mesas electorais en todas as asembleas constituídas para facilitar a achega do voto de todos e todas neste proceso, tal e como foi aprobado por unanimidade na sesión da CN de 14 de decembro. (1)

Previamente, celebrarase unha Conferencia Nacional en Santiago de Compostela o 2 de febreiro que elaborará e decidirá o programa de ANOVA a respecto de Europa e a Unión Europea.

Esta toma de decisión para as Europeas é a aplicación dunha lóxica democrática inédita nas organizacións políticas galegas e na que queremos salientar a unanimidade en todo o proceso de acordos na 1ª AN e sucesivas CN.

Estamos pois a facer un debate aplicando un acordo asembleario unánime e de consenso para a política de alianzas para as Eleccións Europeas tal e como foi definida na 1ª AN (2) e que foi concretado e feito público no chamamento da Coordinadora Nacional aprobado tamén por unanimidade o 14 de setembro de 2013. (3)

Este chamado aberto e equilibrado, partindo da nación galega, e para coordinarse cos outros procesos das outras nacións do estado é de vital importancia para exercer a soberanía galega –todas as forzas que participen teñen que partir da autoorganización efectiva do pobo galego e practicala-, para a creación do suxeito político que participe en futuros acontecementos de ruptura do réxime para que Galiza non fique descolgada, e do que estas europeas serían un ensaio.

Galiza 20 de xaneiro de 2014

Comisión Permanente de ANOVA

(1)

"A Coordinadora Nacional de Anova acordou celebrar un referendo entre toda a súa militancia para decidir o xeito de concorrencia (alianzas) ás vindeiras eleccións europeas e para ratificar o programa para as mesmas.

Este proceso, que calculamos poida rematar na primeira quincena de febreiro, terá as seguintes fases:

Debate en asembleas de base (aproximadamente ata mediados de xaneiro) sobre as eleccións europeas e recollida de achegas programáticas.

Elaboración dun documento programático (liñas básicas) nunha Coordinadora Nacional e apertura dun período para emendas a este.

Debate e aprobación do documento programático nunha Conferencia Nacional monográfica, prevista para finais de xaneiro.

Referendo entre a militancia nas asembleas de base para decidir as alianzas sobre as europeas e ratificar, se é o caso, o programa; o referendo estará suxeito a unhas normas claras a nivel nacional, que serán acordadas pola Coordinadora Nacional, e está previsto para a primeira quincena de febreiro."

(2)

"Anova considera que a proposta de fronte ampla debe manterse para outros ámbitos de actuación co mesmo carácter con que o fixemos en xullo pasado: chamado á unidade de acción arredor de propostas programáticas, dirixido ao nacionalismo e á esquerda, con carácter non excluínte. A concreción da unidade de acción para distintos ámbitos é desexábel que alargue o abano de colaboradores pero tamén pode resultar que se configuren alianzas con actores distintos para diferentes ámbitos."

(3)

Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.

Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha das nacións, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral, a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democrática real.