Anova aproba o seu programa para Europa cun amplo consenso.

Durante a sesión de traballo de hoxe, ao documento base incorporáronse catorce achegas propostas nas asembleas de base por militantes de Anova. Este documento recibiu para a súa aprobación 188 votos a favor, 7 en contra e 15 abstencións.

- texto base

- emendas incorporadas na Conferencia Nacional

 

O proceso de debate sobre as cuestións programáticas para Europa comezou cun debate en asembleas territoriais, nas que se incorporaron medio cento de achegas. Sobre ese documento, abriuse un novo período de emendas, que culminou na conferencia do 2 de febreiro e que rematará coa ratificación do programa por parte da militancia en referendo, ao tempo que se someterá a referendo o xeito de concorrencia ao vindeiro proceso electoral de maio. A celebración deste referendo terá lugar en data a fixar pola próxima Coordinadora Nacional e a non máis tardar de fins de febreiro ou primeiros de marzo.

Na súa intevención, o portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras, que recibiu como agasallo unha vara de aguillón feita de toxo de mans dun veterano militante, e da que fixo entrega á Mesa da Conferencia como expresión, segundo dixo, da súa concepción da colexialidade dos órganos e dos liderados compartidos, tamén fixo un chamado ao traballo activo da militancia de Anova na sociedade na defensa do 99% que conforma a maioría social e do interese do pobo galego e unha exhortación ao exercicio dos valores republicanos da liberdade, igualdade e fraternidade.

Xosé Manuel Beiras fixo especial fincapé na necesidade da posta en valor da rebeldía cidadá e da necesaria acumulación de forzas da maioría social para defrontar aos poderes oligárquicos que ocupan as institucións, e así devolver o seu valor democrático orixinario ás mesmas. Para esta rebeldía, Xosé Manuel Beiras fixo un chamado á necesaria disciplina para facer fronte a estos poderes que abafan ao 99% da poboación.

"A proposta de Anova é que as eleccións europeas sirvan como proceso de acumulación de forzas da rebelión cívica". Anova, segundo explicou Beiras, basa a proposta de fronte ampla para as europeas en tres peares fundamentais: Galiza como pobo soberano, estratexia de ruptura coa oligarquía que ocupa as institucións políticas e protagonismo da cidadanía activa: "o motor do proceso de transformación social debe estar na cidadanía".

O bo transcurso da conferencia foi garantido pola militancia que colaborou voluntariamente na loxística do reconto, mesa de acreditacións e gardería.