Anova – Irmandade Nacionalista apoia as mobilizacións convocadas polas organizacións estudantís na Galiza do vindeiro xoves 20 de febreiro. Apoiamos e sumámonos a estas mobilizacións unha vez mais, pois as mozas e os mozos deste país non podemos permitir que o Partido Popular siga exercendo de verdugo das e dos estudantes.

 

De novo, bolsas denegadas; de novo, menos axudas e reducción da contía das mesmas; de novo, decadencia intencionada da calidade do ensino público; de novo mais ataques ao presente e futuro da xente moza.

A recente aprobación da LOMCE supón un retroceso en toda regra do sistema educativo público, pois non atopabamos unha situación semellante dende hai varias décadas. Potenciarase a segregación por sexos nas escolas mediante as subvencións públicas e a materia de relixión cobrará protagonismo nos programas educativos e nos sistemas de avaliación, en clara sintonía coa liña ideolóxica que pretenden introducir o Ministro Wert e o Goberno do Partido Popular no Estado.

Supón ademais unha táctica recentralizadora das competencias do noso país ao Estado, xa que os temarios pasan a ser elaborados polo Estado e non pola Xunta, ao que Alberto Núñez Feijóo non parece preocuparlle, e o que deixa nun segundo lugar a aprendizaxe da lingua e cultura galegas en detrimento das cativas e cativos galegos.

Fundamental non esquecer os abusivos recortes que sufriu a Educación Pública tanto nos orzamentos estatais coma nos nacionais, que foron, xunto coa Sanidade Pública, os mais perxudicados, e polos que as comarcas do interior da Galiza asistiron e asisten impotentes ao peche de escolas, ou son convertidas en "escolas unitarias". Do mesmo xeito, o número de profesoras e profesores diminuiu drasticamente en tódolos sectores e niveis educativos ata baremos que indican deficiencia do servizo educativo.

Ante todo isto, sumámonos e chamamos á mobilización cidadá contra a aplicación da LOMCE convocada polas organizacións estudantís Liga Estudantil Galega, Comités e Agir para o vindeiro xoves día 20 de febreiro.

Por un ensino público, galego, democrático, de calidade e non patriarcal, nós tamén imos á folga!

Anova – Irmandade Nacionalista, Área de Mocidade