Reunida onte á tardiña en Santiago de Compostela a Permanente de ANOVA, coa presenza do Portavoz Nacional, acordou convocar Coordinadora Nacional Extraordinaria para o próximo día 8 de marzo coa seguinte orde do día:

1. Dar conta das dimisións da Permanente e, no seu caso, proceder á súa substitución.

2. Eleccións europeas: escolla das persoas candidatas de Anova, designación por Anova da cabeceira da lista galega e método para levalo a cabo.

A respecto do primeiro punto trátase de tomar coñecemento e oficializar perante a Coordinadora Nacional a dimisión irrevogábel de dez dos seus membros, e tomar as medidas que considere pertinentes a respecto da súa substitución.

No tocante aos segundo punto da orde do día trátase de habilitar o método de escolla dos candidatos e candidatas que han de integrase por ANOVA na lista da esquerda federal como foi aprobado no referendo celebrado o día 23 de febreiro. A este respecto a Coordinadora Nacional do día 15 do mesmo mes acordou que a elección se fixese por un método, a determinar nesta Coordinadora hoxe convocada para o día 8, que en calquera caso sería de elección directa por toda a militancia.

Finalmente e a respecto de especulacións sobre posíbeis candidatos/as por ANOVA para ir na lista que están aparecendo nos medios, nin que dicir ten que son iso, especulacións, dificilmente pode falarse con fundamento dese tema cando a Coordinadora Nacional aínda non botou a andar o método para escolla das persoas e que en principio será aberto a toda a militancia e por escolla directa entre todas as persoas que se presenten.