Anova-Irmandade Nacionalista condena a salvaxe represión á que foi sometida a xente do noso mar en Compostela e culpa ao goberno de enviar a frota galega do cerco á miseria.

Dende Anova-IN queremos manifestar a nosa máis absoluta solidariedade co colectivo mariñeiro, que o único que fai e exercer o seu dereito á indignación cando quen goberna se nega a escoitalos e os maltrata. Non estamos a falar nin de delincuentes nin de provocadores, senón de persoas con dereitos que só queren vivir do mar. Pero non lles deixan. Como vén de afirmar o noso deputado, Antón Sánchez, no Pleno do Parlamento: “A violencia verdadeira é a de quen condena a xente á fame. Que agardan da xente á que se lles pechan todas portas?"

Ao noso xuízo, a abraiante situación creada nas rúas de Compostela, na que un corpo que máis que policial parecía paramilitar mallou na xente de xeito salvaxe, foi xerada fundamentalmente por dúas provocacións previas. A primeira, a xestión dunha pesqueira e dun caladoiro de xeito irracional e mesmo anacrónico, atendendo máis ás capturas históricas e aos datos falseados que á lóxica e necesidades dos homes e das mulleres do mar. Este tipo de decisións políticas están enviando á nosa xente á miseria. A segunda, a prepotencia dun goberno que se negou a escoitar á delegación enviada ao Parlamento e, non satisfeito con isto, ordenou cercar literalmente ás persoas que se manifestaban para tratar de facelas calar a base de porrazos e disparos. Parece obvio que este tipo de “xestión dos conflitos” reflicte claramente o proceso de “fascistización” ao que queren levar o noso país, instaurando a represión como sistema de goberno.

Por último, Anova-IN avala completamente a decisión dos deputados e deputadas do seu grupo parlamentar, AGE, de abandonar o pleno diante da salvaxada que estaba a acontecer nas rúas. Se o Parlamento é a cámara de representación cidadá e a cidadanía está indignada, lóxico e obrigado parece que á dita cámara se traslade esa indignación. De igual xeito, apoiamos a solicitude de dimisión do delegado do Goberno Samuel Juárez e esiximos a liberación sen cargos de todos os detidos.