Anova anima ao conxunto da cidadanía agredida a participar desta mobilización polos dereitos sociais, a dignidade e a soberanía plena de todos os pobos. Pan, traballo e teito para todas e todos.

Diante do deterioro das condicións de vida da maioría social, da perda de dereitos laborais, sociais e mesmo ambientais, do aumento da pobreza e das desigualdades e do incremento da represión, á cidadanía agredida só lle cabe recorrer á mobilización permanente e a auto-organización dende abaixo contra os poderes financeiros e políticos que, coa escusa da crise, están a esnaquizar as conquistas alcanzadas ao longo de décadas de loita.

As Marchas da Dignidade, que agrupan a entidades e organizacións de carácter sindical, social, xuvenil e político do noso país, son un exemplo de resposta a esta situación. É por iso que Anova-Irmandade Nacionalista amosa o seu total apoio a todas as mobilizacións encadradas nestas Marchas, tanto ás realizadas en Galiza como ás que converxerán na marcha a Madrid do vindeiro sábado 22 de Marzo.

Animamos ao conxunto da cidadanía agredida a participar desta mobilización polos dereitos sociais, a dignidade e a soberanía plena de todos os pobos. Pan, traballo e teito para todas e todos.

Galiza, 19 de marzo de 2014