Un réxime minimamente democrático entra en barrena cando xa non lle abonda con acudir ao poder brando --isto é, ao recurso esporádico á violencia lexítima-- coa seguridade de que a súa incontestable hexemonía ideolóxica e cultural fará o resto do traballo e precisa recorrer cada vez de xeito máis frecuente á pura represión, á falsidade, á criminalización da protesta e á máis grotesca manipulación.

O réxime saído da chamada Transición, que estes días exhuma mitos ao tempo que santifica a quen xa non poderá falar, está entrando en barrena.

A exportación ao ámbito español dese espantallo chamado Resistencia Galega, de cuxa existencia dubidamos, para criminalizar calquera tipo de protesta dunha cidadanía que ten motivos máis que suficientes -porque os sofre en carne propia- para saír ás rúas é só un síntoma máis desta deriva da democracia do Estado Español cara un novo réxime ultraliberal no económico e represivo no social.

A represión aos mariñeiros do cerco ás portas do Parlamento de Galiza, o desaloxo do CS Palavea na Coruña ou a represión aos sarriaos que, na beira do seu río, defendían o seu dereito a decidiren en que tipo de vila queren vivir son só algúns dos últimos episodios que exemplifican todo isto no noso país.

Fronte a este estado de cousas debemos apelar á razón, á Democracia con maiúsculas --pois a democracia ou é do pobo ou non é-- e á loita para botar de vez aos bárbaros das institucións.

LER TAMÉN: A represión e Resistencia Galega, por Antón Dobao