As detencións inxustificables de onte son un grao máis no proceso de represión da protesta social, do exercicio do dereito á libre manifestación. Son, como non, un paso máis na criminalización de todo compromiso social e político coa maioría social agredida.

Xosé Manuel Beiras denunciou en sede parlamentaria a agresión e represión que están a padecer aqueles cidadáns que, fartos das políticas agresoras do Partido Popular, saen á rúa para expresar a súa indignación e disconformidade co goberno, o cal, hai que lembralo, é un dereito constitucional. O Partido Popular, lonxe de escoitar e ter en conta a voz do pobo, opta por deter manifestantes, acusalos de terrorismo e criminalizar a quen se atreva a alzar a súa voz. Así, mentres no Parlamento de Galicia se está a tratar a necesidade de aprobar unha Lei de Consultas Populares, na rúa a cidadanía é detida por exercer o seu dereito a simplemente protestar.

En Anova expoñemos publicamente a nosa indignación ante a sistemática violencia policial coa que os gobernos do Partido Popular afrontan as manifestacións de protesta que os sectores sociais agredidos protagonizan de maneira radicalmente pacífica.

Onte, a policía detivo un grupo de estudantes en Compostela. Ao mesmo tempo, enviaba aos medios de comunicación unha nota en que relacionaba os actos de represión coas protestas do mariñeiros do cerco de hai case un mes. O comunicado é un inaceptable exercicio de criminalización de ideas e protestas. Ao parecer, o grave delicto das persoas detidas é seren “conocidas por pertenencia al anarquismo e independentismo radical violento". Fóra dos xuízos de valor impropios dun corpo cuxa función debera ser a de garantir o exercicio dos dereitos de cidadanía, entre eles o de manifestación, chama terrorificamente a atención o feito de que a policía española conciba que a pertenza ao anarquismo ou ao independentismo xustifican en si a detención dun grupo de persoas. A nosa pregunta, ante esta evidencia de totalitarismo, é cantas liñas mestras está disposto a traspasar o goberno do PP para defender os privilexios da clase dominante e as súas políticas agresivas contra a maioría social.

A austeridade é extensión da pobreza entre a maioría social, pero tamén, polo visto, é non aforrar en recursos represivos. O uso diario da violencia policial estase convertendo nunha marca totalitaria característica destes tempos de crise. Actúan violentamente contra as manifestacións pacíficas e proseguen, días despois, con maior violencia aínda contra estudantes cuxo presunto delito ninguén coñece. Talvez solidarizárense coa xente do mar e os traballadores do cerco. A criminalización da protesta é a escusa para esa violencia policial inaceptable e totalitaria. Lembremos: marchas da dignidade, mariñeiros do cerco, folga estudantil do 20F, activistas antidesafiuzamento, preferentistas estafadas pola banca... Calquera que exerza o seu dereito á protesta recibe como resposta represión e criminalización. Mentres, os verdadeiros responsables da miseria, das estafas masivas, da pobreza, da destrución de dereitos, da violencia estrutural exercen a súa función depredadora con total inpunidade e interminable violencia.

As detencións inxustificables de onte son un grao máis no proceso de represión da protesta social, do exercicio do dereito á libre manifestación. Son, como non, un paso máis na criminalización de todo compromiso social e político coa maioría social agredida. Neste contexto, o anteproxecto da Lei Orgánica mal chamada “de protección da seguridade cidadá” revela a súa dimensión totalitaria máis crúa. Mesmo o Estado de Dereito está en perigo en mans da arbitrariedade dos usos policiais da represión.

Anova-In esixe a liberación inmediata e sen cargos, e por tanto o restablecemento de todos os seus dereitos arbitrariamente suspendidos, da moza e dos mozos detidos. Tamén esiximos que se explique con claridade cales son exactamente os presuntos delitos polos cales foron presos.

Informamos, así mesmo, que en diferentes lugares de Galiza haberá concentracións de apoio aos estudantes. Chamamos a participar nelas para amosar a nosa defensa do dereito á manifestación, á protesta e á rebelión cívica contra a criminalización e a represión como prácticas de goberno.