O 25 de abril é unha data de referencia para as clases populares. É o nome e a data da Revolución, o soño de asaltar o ceo feito realidade durante un breve lapso de tempo.

O 25 foi o final dunha ditadura que tamén o pobo galego sufriu nas súas propias carnes. Non poucas galegas e galegos fuxiron ao país irmán desde o comezo do asalto fascista de 1936 e foron entregados pola tiranía de Salazar aos verdugos españois. A Revolução dos Cravos mandou ao burato máis infame da historia, o que lle correspondía, a ditadura de Salazar, o seu aparello represivo e a súa voracidade colonial. As forzas armadas foron pobo e o pobo deu conta da tiranía. A Revolución foi democrática, socialista e anticolonial. E despois foi tamén, en parte, derrota das clases populares. Pero derrota temporal.

Galiza foi con paixón fraternal parte daquela fermosa experiencia revolucionaria, na que o novo poder constituínte tamén experimentou fórmulas de democracia socialista, de base, popular. Aquí se cantou o Grândola Vila Morena, aquí é aínda un himno de liberdade e de emancipación, de rebelión cívica, o himno de todo novo proceso constituínte democrático e igualitario. A nación portuguesa foi tamén, despois do 25 de abril de 1974, o acubillo de compañeiras e compañeiros de Galiza que fuxían dos derradeiros ataques criminais do réxime de Franco. A Revolución da Grândola emendaba con xenerosidade a infamia do réxime salazarista nos anos de resistencia antifascista en Galiza.

A Revolución dos Caraveis en realidade non foi derrotada. Hai derrotas que só son demoras. Hoxe, as clases populares sufrimos un poder totalitario, aínda que disfrazado de dereitos e liberdades democráticas. E hoxe máis ca nunca, corenta anos despois, ao pobo é a quen lle corresponde ordenar a construción dun mundo novo erguido sobre os valores da liberdade, da fraternidade, da igualdade, da democracia, da emancipación.

Por iso, neste momento histórico, o día que se cumpren 40 anos do triunfo da Revolución dos Caraveis, as mulleres e os homes de Anova - Irmandade Nacionalista proclamamos o noso compromiso cos seus ideais e co seu proxecto. A nosa homenaxe é o compromiso na construción dunha sociedade nova, na emancipación das clases populares e da nación galega.

Os ideais que defendeu a Revolución de Abril son os nosos. É noso o seu proxecto. Por iso sabemos que é a hora do Pobo.

Viva o 25 de Abril!