Porque é unha data simbólica que nos recoñece como pobo, como comunidade cultural e nacional con lingua propia e unha literatura de longa e vizosa tradición, viva coma nunca, en plena produción e coa determinación de encher plenamente os espazos que nos levan ao futuro.

É o día en que reclamamos atención ao obvio: a existencia das nosas letras, que son as que se expresan na lingua nosa, a lingua que se mantivo viva nos corazóns, nas mans e nas bocas das clases populares, contra os peores tempos históricos. Unha lingua que ten o seu futuro ligado ao futuro das clases populares, e por tanto é un futuro brillante e de plenitude, a pesar da escuridade dos tempos que nos toca vivir.

Porque temos unha lingua viva, unha lingua sometida á presión da subalternidade nacional e cultural tamén en forma de conflito de substitución, certo, pero vital e rexa, forte e chea de enerxía, capaz e flexible, creativa e fermosa.

Unha lingua coma calquera outra lingua do mundo.

Unha lingua do mundo.

O Día das Letras Galegas é unha data de celebración, pero tamén é, desde sempre, a nosa gran data de reivindicación.  

Reivindicación dos nosos dereitos como usuarias e usuarios dunha lingua viva.

Do dereito a vivirmos a nosa vida completa en galego.

Do dereito a que ninguén nin nada nos obrigue nunca a mudar de idioma por ningunha razón.

Do dereito ao traballo e ao lecer na nosa lingua.

Do dereito a que as nosas fillas e os nosos fillos se eduquen e xoguen e se socialicen en galego.

Do dereito a gozarmos na nosa lingua das nosas producións culturais e das que proceden de calquera outra cultura do mundo.

Reivindicación do dereito a producirmos cultura na nosa lingua e a que esa escolla non sexa motivo de invisibilidade.

Este carácter reivindicativo que colectivamente lle soubemos dar ao Día das Letras Galegas ano tras ano desvela unha poderosa e crecente conciencia colectiva en relación coa nosa lingua e a nosa cultura, e por tanto a convicción de que o galego vivirá, sen lugar a dúbidas, polo menos mil primaveras máis.

Pero a certeza non nos impide ver as dificultades a que nos somete un poder ilexítimo, lingüicida, desestruturador e profundamente antipopular. E esas dificultades obrígannos a un compromiso permanente na defensa da lingua galega e dos dereitos lingüísticos dos e das usuarias.

Por esa razón, convocamos a toda a cidadanía do común, que é a verdadeira dona da lingua, a participar activamente en todas as mobilizacións programadas para o Día das Letras Galegas.

Por unha lingua de futuro e de presente.

Polos nosos dereitos lingüísticos.

Por Galiza, as súas letras, a súa cultura e a súa lingua.

Viva a lingua galega!

Galiza, 17 de maio de 2014
Día das Letras Galegas