A falta dunha valoración oficial de Anova-Irmandade Nacionalista, que corresponderá á vindeira Coordinadora Nacional a celebrar en xuño, emitimos as impresións da Comisión Permanente de Anova-IN sobre resultados das eleccións europeas.

As eleccións europeas do pasado 25 de Maio convidan a debullar antes unha análise social ca unha partidaria. O obxectivo primario das organizacións, colectivos e persoas da esquerda rupturista, isto é, a derrota do bipartidismo que sostén este réxime inxusto e abafante como primeiro chanzo para mudar radicalmente o noso modelo de sociedade, non se produciu. Porén, o avance abre espazos á esperanza e fainos albiscar unha oportunidade. A correlación de forzas moveuse cara á esquerda de tal xeito que, se cadra, o pasado domingo foron chantados os piares desa creba democrática pola que Anova apostou dende a súa constitución en 2012. Dunha mudanza de réxime que camiñe cara a un goberno de concentración si, mais de concentración popular, coa cidadanía, a esquerda, a democracia radical, a xustiza social e a libre decisión dos pobos como eixes de rotación. Ese é o noso desexo.

Fronte ao máis que preocupante pulo das opcións fascistas nos estados ricos da UE, o camiño da Internacional dos Agredidos, como o de Grecia ou Irlanda, é tamén o noso camiño. A corredoira dos pobos como alternativa imprescindíbel ao precipicio dos Mercados. A procura de alianzas, de frontes amplas e populares, de unidade da esquerda fronte aos partidos do réxime é tanto unha posibilidade, palpábel xa, coma unha necesidade da que, por responsabilidade histórica, non podemos fuxir. Niso seguiremos a traballar.

No eido da análise partidaria, para esta Comisión Permanente –e a falta dunha diagnose oficial de Anova, que corresponderá á Coordinadora Nacional–, a escolla de Lidia Senra como eurodeputada é un obxectivo cumprido e, ao tempo, unha fabulosa e valiosa oportunidade para situar o noso país nesa fronte ampla das esquerdas europeas para enfrontármonos á troika. A encomenda que leva consigo Lidia non é doada, mais a súa traxectoria, compromiso e saber facer son indubidábeis. Dende aquí queremos agradecer a Lidia Senra a súa xenerosidade para connosco, o seu traballo e a súa coherencia política. E queremos tamén facer extensíbel estes parabéns á nosa militancia e a quen dende diferentes posicións apoiou este proxecto colectivo en construción permanente.

Os resultados cuantitativos da coalición AGE, pola que apostamos por segunda vez para uns comicios, fannos concluír que a aposta foi acaída, por canto se mantén como terceira opción política do país. Asemade, o noso discurso e obxectivos, que emanan e seguirán emanando da cidadanía activa como motor da sociedade, son perfectamente compatíbeis con outras opcións exitosas da esquerda que nós saudamos e coas que cómpre un entendemento fraternal. Concibimos a acción política como cooperación e non como competencia. A suma multiplica. A resta divide. Por tanto, o espírito de fronte ampla e de movemento dos marcos do nacionalismo polos que dende Anova-Irmandade Nacionalista apostamos con AGE debe medrar en calquera que sexa a fórmula sociopolítica que derive. A cidadanía é quen lidera e debe liderar o proceso. É a cidadanía a que decide que ferramenta usar. E é a nosa responsabilidade que esa ferramenta sexa participativa, colectiva, compartida, consistente e xa que logo útil para a mudanza social. Daquela tomamos en conta, aínda que non estea no centro das nosas preocupacións, a redución en tres puntos da porcentaxe de voto á coalición –que asumimos por erros propios nestes tempos convulsos en todos os eidos–, pois que esta se ve traducida no avance de forzas tamén rupturistas e no beneficio da maioría social agredida. Tamén nós, como a sociedade, estamos en continua aprendizaxe.

Por último, e ao respecto dos resultados dos partidos do réxime, queremos recalcar que estas eleccións poden marcar, se non o fixeron xa, un punto de inflexión no esfarelamento do seu poder ditatorial, apoiado nunha trampa constante, nunha Constitución de facto derrogada e nun Estatuto de Galiza imcumprido de arriba abaixo. Tanto no Estado español como en Galiza, a súa baixada en apoio cidadán é espectacular. Especialmente significativo é, por exemplo, que o Partido Popular de Galiza acadara mínimos históricos en número de votos.

O camiño está marcado. O réxime abanea. Conservamos a ilusión e o ánimo, pois sen eles non hai vitoria posíbel.

Dende abaixo e á esquerda sempre, onde está o corazón.

Comisión Permanente de Anova-IN
27 de maio de 2014