O portavoz de Anova-In e de Alternativa Galega de Esquerda avisa de que existe “unha grande oportunidade” para tombar “un réxime político podre” e construír “unha democracia efectiva” que respecte as nacións.

Para Beiras, o anuncio de abdicación do rei de España “é un golpe de man” dos “partidos da Coroa” co que o bloque dominante pretende iniciar “unha segunda transición” e controlar “un proceso de retoques da Constitución sen mudar o fundamental”. “O verbo abdicar nos países normais forma parte da arqueoloxía lingüística. Pero o mesmo ten un Borbón ca outro”, expresou esta mañá ante os medios de comunicación no Parlamento de Galicia, porque, para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o máis urxente é “o combate por unha creba democrática, protagonizada pola cidadanía, que rache co ultraliberalismo e recoñeza que no Estado existen varios pobos soberanos con dereito a decidir”.

Xosé Manuel Beiras denunciou que este “réxime político podre” ficou espido nas pasadas eleccións europeas. “Os partidos da Segunda Restauración Borbónica quedaron deslexitimados, por baixo do 50% malia ter todo ao seu favor, incluído o árbitro”, engadiu. Esta circunstancia é aínda máis aguda “nas dúas nacións que poñen en xaque ao Estado”, en que o bipartidismo apenas superou o 24% dos votos emitidos. “Nesta situación, a rei morto, rei posto, e os partidos da Coroa intentan un golpe de man”, alertou.

O portavoz, con todo, felicitouse, “en conxunto con toda a cidadanía que está farta”, de que “o réxime da Segunda Restauración Borbónica reciba un torpedo na santa bárbara”. E fixo autocrítica: “As esquerdas nacionalistas e as non nacionalistas pero que respectan o dereito de autodeterminación non fomos quen de nos poñer de acordo neste último proceso electoral. De irmos nunha grande alianza respectuosa coas cuestións nacionais e de esquerda rupturista, hoxe os partidos do réxime non chegarían ao 30% de apoio electoral. Debiamos ternos adiantado e impedir este golpe de man”.

A comparecencia de Beiras, en que se referiu á necesidade dunha “consulta aos cidadáns como paso formalmente indispensábel pero non abondo nun proceso” que debe controlar a cidadanía, rematou cunha exhortación ás maiorías sociais e ás forzas políticas. “Hai unha grande oportunidade. Exhorto a todas as forzas políticas que estean de acordo en que precisamos unha democracia efectiva e en que os pobos deben decidir a conversarmos para chegar axiña a unha fronte democrática e popular. Poñamos en común as nosas forzas”.

Fonte: AGE