O Coordinador Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista, Martiño Noriega, compareceu hoxe en rolda de prensa en Compostela para aclarar a citación en calidade de imputada de Iolanda Pérez Docampo, ex secretaria de Organización, por cuestións relacionadas coa súa etapa como concelleira do BNG en Ourense.

Martiño Noriega explicou que Iolanda Pérez foi citada por uns feitos acontecidos mesmo antes de que ocupara o cargo de concelleira do BNG. O venres da semana pasada, Pérez Docampo personouse no xulgado logo de ver o seu nome en informacións da prensa local. Alí comprobou que existía unha citación, que non recibiu, para testemuñar como imputada. Esa mesma noite puxo a situación en coñecemento do Portavoz Nacional e do Coordinador Nacional, e presentoulles a súa renuncia por escrito. Posteriormente, informou á Comisión Permanente da súa intención de dar explicacións o vindeiro luns e, do mesmo xeito, de trasladarllas tamén á Coordinadora Nacional convocada para o sábado 14 de xuño.

Dende Anova-IN agradecemos a Iolanda Pérez Docampo a súa capacidade para diferenciar as responsabilidades políticas, que vén de asumir sen dubidar, das responsabilidades xudiciais, e máis cando non ocupa ningún cargo público. Ao igual que agradecemos tamén a súa xenerosidade ao antepoñer os intereses de Anova-IN á súa situación persoal. Para nós constitúe un exemplo nestes tempos nos que hai cargos públicos que coleccionan imputacións, acusacións e condenas sen asumir ningunha responsabilidade política.

Dado que Iolanda Pérez nin sequera ocupaba o cargo de concelleira do BNG cando se produciron os feitos agardamos que, logo de testemuñar, o proceso se resolva satisfactoriamente.

Compostela, a 5 de xuño de 2014