As eleccións europeas do pasado 25 de xuño, aínda que non deron sido ese ensaio xeral de creba democrática para o que Anova-IN propuxera unha fronte ampla da esquerda rupturista sen exclusións, si que abriron, ao noso xuízo, unha grande oportunidade.

Os seus resultados desvelaron unha crise irreversible, unha ocasión para derrubar, máis cedo que tarde, o réxime da segunda restauración borbónica, que estes días teima en perpetuarse a pesar dunha crecente e imparable perda de lexitimidade popular. A persoa que nestes momentos aspira a reinar enfróntase a unha inmensa crise de lexitimidade que non poderá superar, e iso afunde o réxime nunha morea de descomposición insoportable. En democracia, a lexitimidade outórgaa a vontade popular expresada nas urnas. Por iso é imprescindible un proceso constituínte en que tanto as persoas coma os pobos decidan como se queren articular social e politicamente e cales son súas as institucións representativas. Autodeterminación e República. Democracia.

Este réxime moribundo, no que a corrupción constituínte é xa un sistema de goberno, é a máxima expresión do desprezo á vontade popular. A súa intocable Constitución está de facto derrogada; o Estatuto de Galiza, unha carta outorgada de descentralización administrativa, non serve como instrumento para a maioría social; a democracia é un fetiche terminolóxico baleiro de contido. Que preto do 70% da poboación non tivera a oportunidade de se manifestar sobre unha Carta Magna que ampara un modelo de Estado anacrónico e inxusto é, ao tempo, ofensivo e indignante. Pero máis ofensivo e indignante é que o consenso que deu lugar á continuidade do franquismo sen Franco se siga ofrecendo hoxe como única posibilidade de democracia e de convivencia.

Anova-IN ten a determinación de seguir traballando por unha fronte democrática e popular, tanto en Galiza coma no Estado español e en Europa, para a creba democrática e para un proceso constituínte en todos os niveis. Esa fronte popular debe ter na cidadanía consciente o motor para a construción dunha sociedade na que imperen a democracia radical e efectiva, a xustiza social e o dereito dos pobos a decidilo absolutamente todo.

Por esa razón, co eixe de rotación posto nos procesos que van emerxendo no seo da sociedade civil, Anova-IN apoia de xeito solidario a cidadanía que se mobiliza e combate, que se articula e fai cada día política na rúa, que proxecta unha sociedade igualitaria, democrática, próspera, xusta e emancipada. É este pobo consciente o que debe pilotar o proceso e nós, as organizacións partidarias, acompañar, facilitar, colaborar e ofrecer o noso traballar polo ben común en igualdade. Só así se constrúe a República.

De igual xeito apelamos ao pobo galego para que participe masivamente en asembleas, foros, encontros, manifestacións e todas aquelas expresións colectivas de defensa da democracia, do dereito a decidir e, ao cabo, do benestar da maioría social. Por esa razón, apoiamos as convocatorias múltiples deste sábado día 7 e participaremos nelas, como tamén o faremos con todas as que xurdan por todo o país das dinámicas sociais autónomas e da autoorganización popular. Nós estamos coa democracia e coa república. Queremos decidir.

Non son as siglas, é o pobo quen ten que protagonizar o proceso constituínte.

Compostela, 6 de xuño de 2014