Carballos centenarios, acivros, bidueiros... están a ser aniquilados sistemáticamente para introducir ilegalmente especies exóticas modificadas xeneticamente e de alto rendemento.

Estes días estamos a presenciar, estupefact@s, como as frondosas fragas que integran o novo LIC (Lugar de Interese Comunitario) Rio Sor e a súa contorna están a ser devastadas con absoluta impunidade polo afán eucaliptizador, neste caso dun cacique local sen escrúpulos, sen que a Xunta de Galicia poña freo a tanta barbarie.

Carballos centenarios, acivros, bidueiros... están a ser aniquilados sistemáticamente polas motoserras na zona do Río Solloso, afluente do Río Sor, para introducir ilegalmente especies exóticas modificadas xeneticamente e de alto rendemento, como Eucalyptus nitens, o cal ocasiona un grande impacto ambiental contra este espazo natural da Rede Natura.

Anova esixe a paralización inmediata de tanta desfeita, amparada polo desleixo da Xunta de Galicia, e tamén a eliminación das plantacións de eucaliptos efectuadas até a data na zona.

Estamos constatando como a Xunta de Galicia está permitindo o exterminio das nosas fragas autóctonas, un dos ecosistemas elementais para garantir a biodiversidade de Galicia.