Dentro do programa Pioneiros, da Asociación puntoGAL, 90 entidades poderán publicar a súa web a partir do Día da Patria Galega. Anova confía en estar entre elas.

Compostela 2 de xullo de 2014-. A Xunta Directiva da Asociación puntoGAL, encabezada polo seu presidente Manuel González; o vicepresidente Camilo Regueiro; e mailo secretario Dario Janeiro, reuniuse hoxe cunha delegación da Comisión Permanente de Anova-Irmandade Nacionalista, na que estiveron o Coordinador Nacional, Martiño Noriega; a responsábel de Organización, Esther Duro e o responsábel de Comunicación, Manoel Santos.

Na dita xuntanza Anova-IN manifestou o seu interese, que xa amosara presentandose ao programa Pioneiros, de contar co dominio anova.gal na primeira quenda de activación destes. A Asociación puntoGAL explicou como será o proceso de adxudicación e activación dos primeiros 90 dominios e recibiu os parabéns de Anova-IN, no que supón un importante fito para a presenza da nación galega en internet e un esforzo moi importante dende que comezara a reclamación do .gal para Galiza en 2006.

Para Anova-IN, que por fin se vaia ver realizado este desexo para o país é un motivo de orgullo colectivo, e máis nunha data tan salientábel como o Día da Patria Galega.