A brigada de demolición tiña o obxectivo de esborrallar o Día das Letras Galegas, a festa popular e laica da nosa cultura e da nosa lingua. O último golpe vai nesa dirección.

Que sexa o Secretario Xeral de Política Lingüística do peor e máis reaccionario goberno da historia das institucións autonómicas galegas quen anuncia antes ca a propia RAG o nome da figura que se homenaxeará o ano 2015 é todo un síntoma. A brigada de demolición tenta minar os alicerces mesmos da Real Academia Galega, sempre democraticamente chantados na expresión e defensa da identidade histórica, lingüística e cultural xenuínas da nosa nación. Xa o advertimos hai algún tempo, cando se seguiu contra Xosé Luís Méndez Ferrín, o anterior presidente, un escuro proceso apoiado pola extrema dereita chauvinista española. Aquel proceso concluíu na clausura precipitada dun período de socialización da RAG que fora iniciado baixo a presidencia de Francisco Fernández del Riego e continuado progresivamente durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Coas súas luces e as súas sombras, a RAG é unha institución cívica autónoma sometida a presións contraditorias. Dunha banda, as das institucións do réxime; da outra, as das forzas emancipatorias da sociedade civil, de normalización da lingua e de hexemonía cultural galega. E tememos que neste período a institución lle volve as costas á cidadanía, tal como fixo durante os seus anos escuros. Non é casual que nese distanciamento se acuda á figura de Filgueira Valverde para poñer ao servizo dos ocupantes das institucións políticas tanto a Academia coma o Día das Letras. A independencia da RAG, institución da sociedade civil, é unha necesidade vital, mais a súa minorización contrasta coa exhuberancia con que son tratadas polo réxime outras institucións dependentes do poder e alleas á sociedade civil.

A figura de Filgueira, un valioso historiador e divulgador, escritor e erudito, non está á altura do valor da súa obra. Aínda que quixeramos, non podemos ser alleos ao que Filgueira foi, á súa militancia nin á súa relación estreita, non circunstancial, co réxime xurdido dun golpe de estado fascista contra a legalidade republicana. Esa verdade fai inaceptable a decisión do sector que goberna a Academia (as diferenzas internas non terminaron coa saída de Ferrín), unha decisión na que pesa de máis o interese da brigada de demolición e limpeza étnica e cultural. Sexa como sexa, as xentes da cultura galega, mestras e mestres, intelectuais, escritoras e escritores, divulgadoras e divulgadores veranse na obriga de enfrontarse á obra e á figura de Filgueira Valverde co rigor que a historia da cultura e da nación esixen. Sen tabús, coa liberdade e a xustiza como bandeiras. E nese proceso, o obsesivo programa de deturpación histórica da dereita española e galega e da súa tenebrosa Fundación FAES debe quedar reducido ao ámbito que lle corresponde: o da miseria humana, cultural e política de xustificación histórica e ideolóxica do fascismo.

A RAG non pode dobregarse ás esixencias dun goberno instalado nun proxecto de desmantelamento e desestruturación lingüística, cultural, política e social de Galiza. O ano 2015 é ano de eleccións, e ao PP de Núñez Feijoo conviralle a celebración dunha figura que lle permita escribir o relato dun galeguismo submiso, reaccionario e connivente co fascismo. O noso labor será enfrontarlle a ese relato ruín o dunha tradición progresista e republicana, de emancipación e de construción dunha contrahexemonía na que a RAG participou e debera seguir participando. Criticaremos, sempre que sexa preciso, as actuacións dos grupos de poder da Academia, pero non cometeremos o erro de criminalizala nin de contribuír a minorizar a súa independencia nin a tarefa que ten que cumprir.

Galiza, xullo de 2014