Anova-IN promoverá nos concellos galegos a presentación de mocións para rexeitar un Tratado (TTIP, polas súas siglas en inglés) que considera unha emenda á totalidade á xustiza social global. 

Entre outras cuestións a moción solicitará a declaración de "Municipio insubmiso e oposto ao TTIP, defensor dos servizos públicos básicos para a solidariedade e a redistribución social". Asemade, tamén pretende, dende os Concellos, instar á Xunta de Galiza a tomar posición sobre o TTIP e a demandar a suspensión das negociacións; así como que se dirixan expresamente ao Ministerio de Administracións Públicas, para pedirlle apoio a todas as iniciativas encamiñadas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles, e ao Ministerio de Economía para reclamar a suspensión das negociacións do TTIP.

De que estamos a falar?

A Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA) están a negociar, de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos (parlamentos nacionais e europeo), un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais, medioambientais e de saúde, que antepón o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral

O tamén cahmado Tratado Transatlántico, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás ETN e mais ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos públicos e as compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos representantes elixidos para administraren libremente as súas comunidades locais e promoveren a industria, o emprego e iniciativas locais.

Este Tratado afondará nas reformas lexislativas que, alén das privatizacións, en materia de contratación pública conduciron a que as diferentes administracións non poidan introducir cuestións sociais ou xeográficas entre os criterios de adxudicación.

Deste xeito, as leis do comercio prevalecen sobre calquera outra consideración social e ignoran calquera lexislación continental, nacional, rexional ou local. As comunidades locais atópanse elas mesmas dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e ás políticas de libre comercio e de protección do investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para fornecer os servizos públicos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais.

A responsabilidade das Administracións locais

Para Anova-II, as Administracións Locais, ao estaren preto das necesidades dos seus pobos, teñen o deber de inxerencia respecto do que trama o TTIP e un deber de darlle resposta, se non queren verse acusadas de non axudar á poboación e ao planeta en perigo. Amais disto, están obrigadas tamén a resolver os retos sociais, económicos e ambientais e, xa que logo, a defender a universalidade dos servizos públicos e a protección da cidadanía.

As colectividades locais desexan ampliar o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente en xogo tras este Acordo e a sorte que correrán os servizos e compras públicos:

  • o comercio e o investimento só poden conducir a intercambios económica e socialmente beneficiosos se respectan as necesidades humanas en todo lugar e non se basean unicamente no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas multinacionais;
  • a eliminación programada e progresiva dos servizos públicos é ao mesmo tempo a eliminación programada e progresiva da solidariedade e a democracia;
  • a apertura máxima dos servizos e as compras públicas á competencia produce efectos contraproducentes en canto á súa accesibilidade, a súa calidade e o seu custo;
  • os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado;
  • só a existencia diversificada de servizos públicos socialmente útiles permite asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia;
  • o control público debe preservarse para garantir o acceso aos bens comúns e á creación de novos servizos públicos e tamén para favorecer a industria e emprego locais.

  MÁIS INFO: En Anova dicimos non ao Tratado de libre comercio UE-EUA

Modelo de moción contra o TTIP
Descargar aquí