Neste día de Galiza continuamos a reclamar a liberdade para o noso pobo. A liberdade para unha nación periférica que se afirma na vontade de existir e de exercer, na práctica cotiá, a autodeterminación camiño cara á independencia.

Así reza un dos principios fundacionais de Anova-Irmandade Nacionalista e así o expresamos no combate cívico contra os forasteiros que actúan como xefes políticos da metrópole e que teiman en diluír os trazos nacionais. Converternos a imaxe e semellanza dun modelo alleo que responda ás directrices do capital.

Na fronte unha estrela. A fronte ampla pola que Anova leva pulando dende o seu nacemento, como ferramenta de ponte entre as institucións e as demandas e loitas sociais capaz de sumar esforzos para a creba democrática. Porque a fronte ampla estámola a construír como unha alternativa da maioría social agredida que se rebela a prol dun outro mundo posíbel, dunha outra sociedade onde a soberanía sexa do pobo e non da Troica nin dos poderes financeiros.

Mais tamén levamos a estrela vermella que no planeta representa a emancipación dos desposuídos. A aspiración de construírmos uns valores e unha ética que sexan espello dos dereitos da humanidade e do planeta fronte ás leis da rapina, do espolio e da explotación. Porque a nosa loita é internacionalista e o noso alento está con todos os que sofren a violencia do poder. Así, nestes intres, a nosa solidariedade concéntrase en Palestina e cunha poboación que sofre a destrución do estado terrorista de Israel.

E no bico un cantar para que se ouza a nosa voz ante o silencio e a deturpación practicada polos medios. Para que se ouza a voz da praza no palacio, a voz de quen promovemos a rebelión organizada entre todas e todos os de abaixo para que saiban da forza da unidade e que o medo pode cambiar de bando. O medo a que perdan o poder e que o pobo sexa quen máis ordena.

Anova continúa con honestidade a tarefa iniciada coa fórmula de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), ergueita como bastión de denuncia e de loita das clases populares. Este ano sentímonos satisfeitos de acadar unha eurodeputada que representa a voz do pobo e que conecta cos movementos sociais que propugnan unha ruptura co sistema. Sendo conscientes, como dixemos, da necesidade de estender a fronte ampla –no político, mais sobre todo no social–, cremos que AGE segue sendo, no actual contexto, unha representación válida desa necesidade de romper coa lóxica e coas políticas do capitalismo.

Por iso, volvemos petar na conciencia da cidadanía galega para que as sumas multipliquen, para que sexamos honestos e participativos nas iniciativas cidadás que se argallan polo país como fórmulas alternativas ao bipartidismo e á corrupción sistémica. Velaquí estamos, pois, para levar na fronte unha estrela e no bico un cantar.

25 de xullo de 2014.
Día da Patria Galega.