Anova presentará unha moción nos concellos instando á revisión do canon do lixo e á devolución do indebidamente cobrado en 2014. O incremento do canon equivale a 14 millóns de euros no 2014.

As contas de Sogama do ano 2013 acaban de deixar en evidencia que as previsións da Xunta de Galiza que xustificaban o incremento dun 33,4% do canon do lixo eran intencionadamente erróneas.

Anova vai presentar mocións nos concellos instando á Xunta á revisión do canon do lixo con carácter retroactivo, para que así se devolvan os cartos indebidamente cobrados dende que entrou en vigor o novo canon (marzo 2014).

O Coordinador Nacional e Alcalde de Teo, Martiño Noriega, manifestou que trasladará ésta iniciativa á FEGAMP para tratar de que se adopte unha posición conxunta dos concellos. Segundo Martiño Noriega “non se pode actuar dende as institucións practicando sistematicamente o engano e o roubo, xa que co informe achegado por AGE queda demostrado que os datos que pretendían xustificar a suba eran falsos”. Con este xeito de facer, Núñez volve amosar o pouco respecto que ten polas administracións do país  con menos recursos, os concellos,”resulta curioso que un dos cargos que tomou a decisión da suba dende a COMATI, Agustín Hernández, sexa agora alcalde de Compostela. Non sei como fará para explicarllo aos seus veciños e veciñas”, dixo Mariño Noriega.

Denunciou ademais que a Xunta non oferta alternativas a Sogama, e que as que agroman cun modelo máis sustentábel ambientalmente son boicotadas pola administración autonómica. Existen alternativas a curto prazo para solventar a situación financeira de Sogama, derivada de decisións indecentes do PP, sen que se cargue todo o sacrificio aos concellos e á cidadanía. No entanto, "dende Anova consideramos que a medio prazo o que se impón é un cambio de modelo baseado nos principios de descentralización, redución, reutilización, reciclaxe e compostaxe", concluíu o Coordinador Nacional.

Informe Económico Sogama. O informe de AGE desmonta o argumentario do goberno galego para xustificar esta medida e evidencia a súa intencionalidade (Sogama é unha empresa mixta participada nun 51% pola Xunta de Galicia e nun 49% polo Grupo Gas Natural, para quen supón un importante nicho de negocio).