Exhibidas como obxectos ante as cámaras de televisión, trátase dun fenómeno de cousificación da muller, quedando limitadas a un rol de premio para o heroe vencedor, de ahí a importancia da súa beleza.

Un ano máis chega a cita coa volta ciclista a España. Catro etapas levaranse a cabo en terrritorio galego, un total de 697,8 km dende o día 10 de setembro. O final da proba será o día 14 de setembro na capital galega, no Obradoiro. A atención da afección do mundo das bicicletas estará centrada nas distintas etapas, atención tanto da afección adulta como da máis cativa.

As crianzas edúcanse por medio dos modelos que ven na sociedade, con patróns que imitan de forma inconsciente e que despois resulta practicamente imposible exterminar, porque xerminan e botan raíces. Por isto mesmo, dende o grupo de acción feminista de ANOVA Irmandade Nacionalista de Ourense, consideramos necesario analizar o papel cas mulleres teñen reservado no deporte: o de muller floreiro.

O papel da muller na Volta ciclista a España: existe a necesidade de “adornar” a competición con rapazas escasas de roupa? Estas azafatas locen camisetas e saia nas que aparece publicidade. O seu corpo é utilizado como espazo publicitario. Este é o papel esencial que as mulleres cumpren nun sector tan masculinizado como as carreiras de ciclismo. Exhibidas como obxectos ante as cámaras de televisión, trátase dun fenómeno de cousificación da muller, quedando limitadas a un rol de premio para o heroe vencedor, de aí a importancia da súa beleza.

Isto acaba desembocando en que accións públicas de violencia e abuso sobre as mulleres, tratadas como obxectos, pasen inadvertidas e incluso sexan xustificadas ou minimizadas por gran parte da sociedade. Por exemplo, como cando o gañador do Tour de Flandes estaba recibindo os bicos das dúas azafatas do podio e se lle entregaba o seu trofeo e correspondente ramo de flores, o segundo clasificado, o eslovaco de 23 anos Peter Sagan, quixo bromear cunha desas azafatas e lle deu un belisco nas nádegas á vista de todo o público presente. A rapaza, desempeñando o seu rol, sorriu, facendo un alarde de “profesionalidade”, xa que era a resposta que tiña que dar ante a brincadeira de Sagan.

Dende o grupo de acción feminista de ANOVA Irmandade Nacionalista de Ourense consideramos que cando unha nena ve repetidamente que os rapaces compiten e as rapazas guapas son só as que entregan as medallas, interiorizan ese papel. Este é un dos xermes  do machismo, da violencia e dos abusos contra as mulleres, que son educadas en roles de submisión, polo que queremos instar ás federacións deportivas, e neste caso concreto á organización da Volta Ciclista a España, a que desterren estes estereotipos e que o deporte sexa promotor de valores como a igualdade, o respecto, a cooperación e a xustiza.