Este xoves, día 18 de setembro de 2014, ten lugar un fito democrático de especial transcendencia, ben para Europa, ben para as nacións sen estado do vello continente. Escocia celebra ante os ollos de Europa un referendo que pode ser clave de cara as aspiracións do país e das súas xentes.

Coa vitoria xa na súas mans, a de poder decidir o seu futuro de xeito democrático mediante o voto directo de tódolos seus habitantes, a sociedade escocesa dirimirá entre o ‘YES’ ou o ‘NO’ sobre a posibilidade de converterse nun país independente.

O proceso aberto polo pobo escocés é a proba empírica que demostrará a posibilidade e capacidade dunha nación para decidir o seu futuro dun xeito libre e democrático. Este proceso funcionará como catalizador dos procesos xa encetados, como o catalán, o cal decidirá o seu futuro o próximo 9 de novembro, ou para os que aínda teñen un camiño máis ou menos longo por camiñar, nomeadamente o vasco e o galego, así como o do resto de nacións sen estado.

Anova-Irmandade Nacionalista entende e apoia os procesos emancipatorios dos pobos escocés e catalán, así como os procesos iniciados por outras nacións sen estado da Internacional dos Agredidos na que nos atopamos. Asemade, apoiamos firmemente a opción do pobo escocés de dicir ‘YES’ á súa independencia, sendo esta entendida como o nacemento dun escenario no cal poder construír desde cero un novo estado, o escocés, republicano e socialista.

Así mesmo expresar a nosa solidariedade ante as chantaxes e boicots, de bancos e grandes empresas, que ameazan con fuxir do país en caso de que gañe o ‘YES’, sendo conscientes de que estas empresas e entidades financeiras non se moven máis que pola cobiza e as ansias económicas inherentes ao podre sistema capitalista. Estes mesmos serán o motivo polo que remataran por asumir a plena soberanía do pobo escocés. Estas ameazas, así como as proferidas ante o proceso catalán, non fan máis que poñer de manifesto a ruptura co statu quo no que os grandes poderes se senten tan cómodos e son as que nos deben outorgar máis forza para seguir adiante.

Porque outra Escocia é posible.

AYE! FOR INDEPENDENCE