.Dende Anova-IN vémonos na obriga, novamente, de denunciar os intentos de criminalización da mocidade e do estudantado galego nas súas protestas contra as políticas exterminadoras do público por parte dos gobernos do PP.

Unha vez máis, o PP volve a empregar as institucións do Estado e a policía española para perseguir e vingarse do estudantado, que semanas antes protestou con toda lexitimidade e responsabilidade contra os recortes no ensino público diante do presidente da Xunta na súa visita á USC.

Nestes tempos nos que estamos moi acostumadas a ver as cúpulas do PP de paseo polos xulgados, é moi difícil ver, por non dicir imposíbel, que a policía deteña aos corruptos cos mesmos procedementos que empregan en deter a estudantes, traballadoras, xubiladas, preferentistas, ou activistas contra os desafiuzamentos. Fica claro que existe unha dupla vara de medir desde as instancias policiais e da delegación do goberno español dirixida pola PP.

Para o PP é máis doado empregar recursos en represión e persecución política e social que investir nun ensino de calidade, público, galego e igualitario.

Queremos mostrar o noso apoio aos dous estudantes detidos onte en Compostela, aos cales se lle imputa os xa clásicos cargos de suposto delito de "atentado á autoridade" e "lesións", case sempre empregados  con discrecionalidade e falta de obxectividade contra todo tipo de activistas sociais.

Diante das políticas de destrución do PP a sociedade galega non vai retroceder nin amedrentarse, perden o tempo e malgastan recursos perseguíndonos, sempre lles faremos fronte nas rúas ou onde fixera falta.

Galiza, 6 de novembro de 2014