Dende Anova vémonos na obriga, doutra volta, de denunciar as tentativas de criminalización da mocidade e do estudantado galegos polo simple feito de exercer a súa lexítima e mesmo loábel protesta contra as políticas exterminadoras do público por parte dos malgobernos do Partido Popular.

Unha vez máis, o Partido Popular volve empregar as institucións do Estado e a policía na súa versión máis represiva para perseguir e vingarse dos e das estudantes, que semanas atrás manifestaron o seu rexeitamento, de xeito enérxico pero pacífico, aos recortes no ensino público diante do presidente da Xunta na súa visita á USC.

Para nós resulta tan sorprendente coma indignante, como de seguro o será para a cidadanía toda, que se empreguen con tanta dilixencia os poderes represivos do Estado para acosar e maltratar estudantes, traballadoras, xubiladas, preferentistas ou activistas pola xustiza social nas súas diferentes dimensións, namentres un exército de corruptos, moitos deles procedentes da cúpula do Partido Popular e mesmo amigos do presidente da Xunta, saquea o país sen sufrir custe algún. Para o PP é máis doado empregar os poucos recursos que as súas redes caciquís aínda non foron quen de roubar en fomentar a represión e a persecución política e social, que investir nun ensino de calidade, público, galego e igualitario.

Dende Anova queremos amosar todo o noso apoio aos dous estudantes detidos onte en Compostela, aos que se lles imputan os xa clásicos cargos de presunto delito de “atentado á autoridade” e “lesións”, coma sempre de xeito discrecional e cunha absoluta falta de obxectividade. De feito, son os recortes e os saqueos dos recursos públicos os que constitúen, para nós, os verdadeiros atentados e os que provocan lesións irreversíbeis na cidadanía, especialmente nos seus sectores máis desfavorecidos. 

Confiamos en que, diante das políticas de destrución do PP, a sociedade galega non vai retroceder nin amedrentarse. Nós animamos a que así siga sendo, porque a protesta é a principal defensa que nos queda. Perden o tempo e malgastan recursos perseguíndonos. Sempre lles faremos fronte nas rúas ou onde fixera falta.

Galiza, 6 de novembro de 2014